Ferrol, 9 de novembro de 2023.- A directora da Cátedra Diócese Mondoñedo – Ferrol – Universidade da Coruña, a profesora Rocío Ameneiros, inaugura mañá, venres 10 de novembro, ás 09:45 horas, na Aula Magna da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, as Xornadas “Bibliotecas e Responsabilidade Social” que promove a Diócese Mondoñedo – Ferrol xunto coa Universidade da Coruña e na que participarán máis de 60 persoas entre as que destacan algúns dos maiores especialistas deste ámbito a nivel nacional.
O programa das xornadas inclúe un total de catro relatorios e un faladoiro. A primeira intervención correrá a cargo do presidente-fundador da Asociación de Profesionais de Bibliotecas Móbiles de España (ACLEBIM), Roberto Soto, quen falará sobre as bibliotecas rurais. De seguido, intervirá o responsable de Innovación Bibliotecaria da Deputación de Barcelona, Andreu Orte, cun relatorio centrado no modelo bibliotecario XBM, todo un referente nas relacións das persoas usuarias cos servizos bibliotecarios, os espazos, as coleccións e a tecnoloxía.
Tamén se achegará ata o Campus Industrial de Ferrol a directora da biblioteca da Universidade Pontificia de Salamanca e directiva da Asociación de Bibliotecarios da Igrexa en España, Maribel Manzano, quen afondará na responsabilidade social das bibliotecas. E, por último, intervirá a xefa da sección de Manuscritos e Incunables da Biblioteca Nacional Española, María José Rucio, cun relatorio centrado nas boas prácticas e na xestión de fondos antigos.
Cartel – Xornadas “Bibliotecas e Responsabilidade Social”
Programa – Xornadas “Bibliotecas e Responsabilidade Social