“Coñece ás investigadoras do Campus Industrial de Ferrol”, a exposición que visibiliza o labor das mulleres científicas

Ferrol, 10 de marzo de 2026.-  As concelleiras de Educación, Patricia Cons, e de Muller, Elvira Miramontes, participaron esta mañá, xunto coa directora da Oficina de Igualdade da Universidade da Coruña (UDC), María José Abad, e a vogal da Xunta Directiva de AMIT-Gal, Lucía Santiago, na inauguración da exposición Coñece ás mulleres investigadoras do Campus Industrial de Ferrol, no CEE Terra de Ferrol.

O Concello de Ferrol, en colaboración co Campus Industrial de Ferrol e a  Asociación de Mujeres Investigadoras Tecnólogas (AMIT-Gal), pon en marcha esta mostra para conmemorar o día Internacional da Muller e da Nena.

“Trátase dunha exposición destinada a visibilizar e poñer en valor o traballo das investigadoras do Campus Industrial de Ferrol”, avanzou a concelleira de Educación, Patricia Cons. A mostra está formada por un conxunto de 12 carteis que recollen os fitos máis relevantes da traxectoria científica de cada investigadora participante, desde o que quería ser de nena ata o que é na actualidade.

“A idea é aportar referentes femininos para as próximas xeracións e, ao mesmo tempo, dar a coñecer profesións que son diferentes ás habituais, fomentando vocacións STEM”, destacou a concelleira da Muller e Igualdade, Elvira Miramontes.

Pola súa parte, a directora da Oficina de Igualdade da Universidade da Coruña (UDC), María José Abad, destacou a importacia de “visibilizar a contribución das profesoras e investigadoras do campus para inspirar ás mulleres do futuro”. Mentres que a Vogal da Xunta Directiva de AMIT-Gal, Lucía Santiago, lembrou que desde a asociación “traballamos por dar a coñecer a aquelas mulleres que están preto de nós e que nos permiten amosarlle ás nenas que elas tamén poden chegar a ser investigadoras”.

PROTAGONISTAS DA MOSTRA

As voluntarias que participan na exposición proporcionando os datos da súa traxectoria científica son: Almudena Filgueira Vizoso (enxeñeira industrial); Ana Ares Pernas (vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC); Ana Jesús López Díaz (física); Anne Marie Elisabeth Gosset (enxeñeira mecánica); Ánxela Pérez Costa (enxeñeira en diseño industrial e desarrollo do producto especializada en UX); Carmen de Labra Pinedo (psicóloga);  Laura Castro Santos (enxeñeira industrial);  Lucía Santiago Caamaño (enxeñeira naval e oceánica); Manuela del Pilar Santos Pita (letrada), María José Abad López (física) e María López Morado ( enxeñeira naval e oceánica).

O próximo 17 de marzo a mostra chegará ao alumnado do IES de Catabois e o martes 24 ao Ceip A Laxe. En total, son once os centros educativos que solicitaron contar con esta exposición para que os seus alumnos coñezan o traballo das investigadoras do Campus Industrial de Ferrol.

O Concello de Ferrol leva a cabo esta actividade en centros educativos con  motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia
O Concello de Ferrol leva a cabo esta actividade en centros educativos con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia