Ferrol, 12 de xuño de 2025-. O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, inaugurou, este xoves, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, xunto coa directora da Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV), Acacia Naves, e máis co director do Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE), José Antonio García, o acto de recoñecemento a todas as persoas e entidades que teñen colaborado, ao longo destes últimos 10 anos, nos chamados Proxectos de Aprendizaxe e Servizo (ApS), unha metodoloxía docente que integra nunha mesma proposta formativa a aprendizaxe académica xunto coa prestación dun servizo á comunidade.
Na súa intervención, o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, explicou que a institución tomou, hai xa 10 nos, a “decisión firme” de incorporar a metodoloxía de Aprendizaxe e Servizo (ApS) nas súas aulas, co desexo de fortalecer os lazos existentes entre a universidade e a súa contorna para “formar persoas comprometidas coa realidade social e orientar a educación superior cara o ben común”.
Do mesmo xeito, a directora da Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV), Acacia Naves, e o director do Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE), José Antonio García, manifestaron a súa intención de continuar traballando de forma conxunta para incrementar o número de proxectos, de alumnado, de profesorado e de entidades implicadas nesta metodoloxía docente.
No marco deste acto conmemorativo do 10º aniversario dos Proxectos de Aprendizaxe e Servizo (ApS) na Universidade da Coruña (UDC), a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, impartiu a conferencia na “10 anos de ApS na UDC”. Ao seu remate, proxectouse o vídeo “10º Aniversario da ApS na UDC”, elaborado polo persoal do Centro Universitario de Formación e Innovación Docente (CUFIE).
Logo disto, as autoridades e público asistente trasladáronse ata a Sala de Exposicións do Centro Cultural Universitario do Campus Industrial de Ferrol para visitar os preto de 100 pósters nos que se recollen algúns dos proxectos de Aprendizaxe e Servizo (ApS) levados a cabo durante os últimos 10 anos na Universidade da Coruña (UDC) nas áreas de coñecemento de Arquitectura e Enxeñaría, de Ciencias, de Ciencias da Saúde, de Ciencias Sociais e Xurídicas ou na das Artes e das Humanidades. Esta mostra, poderase visitar, de xeito totalmente gratuíto, ata o vindeiro 26 de xuño.
De seguido, tivo lugar o acto de inauguración da Feira de Entidades. Varias carpas situadas na praza que hai diante da Facultade de Humanidades e Documentación acolleron as mesas informativas nas que Acougo, ASCM Galicia, Aspanaes, Betula – Custodia do Bosque Atlántico (Maniños – Fene), Cogami, Dignidad Galicia – Ferrol, a Fundación Enki, EuroEume, a Fundación ONCE, Xanela, Mundo Sen Guerras, Amnistía Internacional, Cruz Vermella, Enxeñaría Sen Fronteiras Galicia (ESF), Campaña Mundial pola Educación e Manos Unidas deron a coñecer o seu labor entre a comunidade universitaria.
A xornada estivo amenizada polas actuacións do pianista Diego Castro, de Lara de la Iglesia, voz do Coro Toxos e Froles de Ferrol, e do acordeonista Joaquín Enríquez, a da moza ucraína Solomiia Savchuk, así como pola da finalista do Talentiño, na categoría “Vocalistas”, Sabela Castro, e máis pola gañadora do segundo premio deste mesmo concurso xuvenil impulsado polo Concello de Ferrol, na categoría de “Instrumentalista”, Xiana Ruíz.
