Dúas alumnas do grao en Enxeñaría Mecánica gañan o XXVIII Concurso de Prototipos que organiza a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol

Ferrol, 6 de novembro de 2023.- As alumnas do terceiro curso do grao en Enxeñaría Mecánica que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Marta García Parapar e Amalia París Iglesias, veñen de gañar o XXVIII Concurso de Prototipos da materia de Tecnoloxía de Máquinas que promoven os profesores Javier Cuadrado e Emilio Sanjurjo.

Nesta ocasión, participaron un total de 18 estudantes matriculados nesta materia do terceiro curso do grao en Enxeñaría Mecánica quen, divididos en parellas, debían construír unha máquina perforadora que puidese atravesar un cilindro de poliestireno expandido, ou o que é o mesmo, un anaco de cortiza branca, botando man dun motor eléctrico alimentado unicamente por unha pila e empregando como ferramenta de penetración a hélice dun sacarollas.

Marta García Parapar e Amalia París Iglesias resolveron este reto, de xeito totalmente satisfactorio, en tan só sete segundos. En segundo lugar quedaron os seus compañeiros, Óscar Pérez Vila e Miguel Soutullo Pandelo, quen lograron o seu obxectivo en nove segundos. O terceiro posto foi para Pablo Carrete García e Borja Rego Cao cun tempo de execución de 21 segundos.

De esquerda a dereita, Óscar Pérez Vila, Miguel Soutullo Pandelo, Amalia París Iglesias e Borja Rego Cao, no podio do XXVIII Concurso de Prototipos da materia de Tecnoloxía de Máquinas que promoven os profesores da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, Javier Cuadrado e Emilio Sanjurjo.