A UDC inaugura unha nova edición do programa de emprendemento universitario Explorer by Santander X no que participan 57 estudantes

Lucía Blanco, Ana María García, Andrea Castro, Alba Boedo e Julia Cacheda xunto co titor do seu proxecto, o profesor da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuel Escourido Calvo. Estas catro alumnas do grao en Xestión Industrial da Moda acadaron o primeiro premio no UDC Explorer Space do Campus Industrial de Ferrol en 2021 co deseño dun dispositivo tecnolóxico incorporado á roupa que lles permite ás mulleres embarazadas escoitar os latexos do seu bebé.

Ferrol, 27 de xaneiro de 2022.- A vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade, María José Lombardía Cortiña, presentou este xoves, de xeito telemático, a XIII edición do programa Explorer ‘Jóvenes con Soluciones’, unha iniciativa de emprendemento universitario que promove o Banco Santander, a través de Santander Universidades, e dirixe o Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE). No acto, que se puido seguir a través da plataforma Teams, participaron o presidente da delegación coruñesa da Asociación de Seniors Españois para a Cooperación Técnica (SECOT), Gonzalo Arias Barrientos, e a as coordinadoras do UDC Explorer Space nos campus da Coruña e de Ferrol, Estefanía Mourelle Espasandín e Inma Muñoz Pliego, respectivamente.

O programa Explorer ‘Jóvenes con Soluciones’ está dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 31 anos que, ao longo de 12 semanas de formación presencial e en liña, traballarán nun proxecto da súa elección para atopar unha solución sólida, viable e sostible enfocada a resolver problemas relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) 2030 fixados polas Nacións Unidas tales como a fin da pobreza, unha educación de calidade, a igualdade de xénero, unha enerxía alcanzable e non contaminante, un traballo digno, a redución de desigualdades, a promoción de cidades e comunidades sostibles, a produción e o consumo responsable, accións polo clima e a creación de alianzas para acadar obxectivos comúns.

Baixo un enfoque práctico e baseado en dinámicas de aprendizaxe social, os explorers conectarán, ao longo da súa formación, cunha ampla comunidade de emprendedores de España, Arxentina, Brasil, Chile, México e Portugal. Ademais de afondar en conceptos como a validación de modelos de negocio, as proxeccións financeiras, a creación de landing pages ou de pitch comerciais, os mozos e mozas participantes falarán sobre emprendemento e amosarán as súas ideas ante fundadores de startups e expertos internacionais como Steve Blank, pai do emprendemento moderno. Do mesmo xeito, tamén contarán con sesións Q&A con expertos e alumni Explorer ao tempo que interactuarán en diferentes plataformas sociais co obxectivo final de crear unha comunidade favorable ao networking.

Nesta XIII edición, serán un total de 57 mozos e mozas, maioritariamente alumnos e exalumnos da Universidade da Coruña, quen reciban a correspondente formación presencial e en liña no UDC Explorer Space do Campus da Coruña e, por segunda vez, no de Ferrol. Os seus proxectos serán mentorizados por persoal docente e investigador da UDC e máis por varios integrantes da delegación coruñesa da Asociación de Seniors Españois para a Cooperación Técnica (SECOT). Os integrantes dos dous proxectos mellor valorados, un por cada UDC Space Explorer, viaxarán ata Lisboa onde continuarán formándose nun HUB de innovación europeo a partires de xullo de 2022.

 

  Participantes Proxectos
UDC Explorer Space Coruña 21 17
UDC Explorer Space Ferrol 36 17
Total 57 34

 

Máis información: UDC A Coruña Space – Explorer “Jóvenes con Soluciones” (explorerbyx.org) / UDC Ferrol Space – Explorer “Jóvenes con Soluciones” (explorerbyx.org)