A Xunta reforza ata os 3,3M€ o investimento no Campus Industrial de Ferrol para impulsar accións estratéxicas de investigación e internacionalización

  • O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asinaron esta mañá unha addenda ao convenio polo que a Xunta aporta 1,5 millóns de euros para o ano 2023.
  • O programa de especialización do campus ferrolán como Campus Industrial, único a nivel nacional e o primeiro acreditado de Galicia, é “unha oportunidade de futuro” que, no caso de Ferrolterra, “vai ter un impacto positivo no eido do naval e do sector industrial”, segundo declarou o conselleiro.

Ferrol, 22 de xullo de 2022.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asinaron esta mañá, na Sala de Xuntas da Vicerreitoría, a primeira addenda ao convenio de colaboración subscrito entre ambas entidades en outubro de 2021 e que permite impulsar accións no eido da docencia, investigación, transferencia e internacionalización no Campus Industrial de Ferrol logo de converterse no primeiro campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia.

A dotación da Consellaría de Cultura, Educación, FP e Universidades para este convenio de colaboración foi de 1.809.100 euros para as anualidades 2021 e 2022. Esta addenda, dota ás actuacións para a anualidade de 2023 cunha achega de 1.517.000 euros acorde ao período de acreditación por tres anos que obtivo o Campus Industrial de Ferrol. Este incremento, supón unha modificación na contía final do convenio que ascende a 3.326.100 euros.

O reitor salientou a financiación previa por parte da Consellaría desde a creación do Campus Industrial de Ferrol en 2016, unha cifra que se aproxima aos 3 millóns de euros, polo que desde que arrancou como proxecto o Campus Industrial, a inxección de fondos económicos do Goberno galego ascende a preto de 6,2 millóns de euros.

Para o reitor, cando se presentou a proposta de especialización do Campus Industrial o obxectivo era “proxectar á Universidade da Coruña e ao Campus de Ferrol como un axente social e económico que traballase a prol da comarca de Ferrolterra”. “O que hoxe asinamos é a consolidación desa función da Universidade da Coruña como axente dinamización da comarca de Ferrolterra”, asegurou.

O conselleiro Román Rodríguez sinalou que a dinámica de especialización dos campus periféricos impulsada pola Xunta “é unha oportunidade de futuro para as distintas áreas en particular e para Galicia en xeral”. “No caso deste campus, -engadiu-, falamos dun proxecto sólido que, de seguro, vai ter un impacto positivo en toda a comarca de Ferrolterra, xa que está centrado en dous focos estratéxicos moi vencellados ao territorio, que son o naval e oceánico e o sector industrial”.

Na sinatura desta primeira addenda estiveron presentes a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e a delegada Territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

Industria Intelixente e Fabricación Avanzada

O Campus Industrial de Ferrol basea a súa especialización en seis áreas, ligadas aos piares fundamentais da Fábrica do Futuro: a robótica industrial, os materiais, a optimización de procesos industriais, a enxeñaría naval e offshore, o deseño industrial e o desenvolvemento de produto. Para acadar a súa acreditación, o Campus Industrial de Ferrol someteuse a un proceso de avaliación por parte dunha Comisión de expertos independentes alleos ao Sistema Universitario de Galicia.

Para manter esta acreditación, outorgada inicialmente por tres anos, o Campus Industrial de Ferrol puxo en marcha un programa de captación de talento predoutoral e postdoutoral así como un programa de Doutoramento Industrial e continúa a incrementar os seus indicadores no eido da produción científica. Tamén se está a traballar no avance dos resultados de transferencia con especial incidencia no aumento de patentes inscritas, a mellora do programa de cátedras e a creación dun Centro Mixto de Investigación UDC Navantia. O aumento no número de estudantes estranxeiros ou a participación en proxectos europeos tamén está a ser significativa.

Desde a súa creación, no ano 2016, o Campus Industrial de Ferrol renovou a súa oferta académica incluíndo no catálogo da Universidade da Coruña as dúas primeiras titulacións bilingües do Sistema Universitario de Galicia, o grao en Xestión Industrial da Moda e o grao en Relacións Internacionais. Así como o primeiro grao dual da comunidade, o grao en Enxeñaría Eléctrica, o grao en Xestión Dixital da Información e Documentación e os másters en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade, en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos e o de Enxeñaría en Deseño Industrial.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, na firma do convenio.
Desde a esquerda, o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares; o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; o reitor da UDC, Julio Abalde; a delegada Territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; e a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla.