July 7, 2022

I Curso de Verán do Campus Industrial de Ferrol “Enerxías Renovables”: Hidróxeno verde

Cartel do I Curso de Verán “Enerxías Renovables” que promove o Campus Industrial de Ferrol entre o 3 de xuño e o 14 de xullo. Persoal docente e investigador da Universidade da Coruña impartirá seis conferencias vinculadas con esta temática en distintos concellos da comarca de Ferrolterra.

Ferrol, 31 de maio de 2022.- O Campus Industrial de Ferrol organiza, entre o 3 de xuño e o 14 de xullo, o seu primeiro Curso de Verán dedicado, nesta ocasión, ás enerxías renovables, unha iniciativa que pretende achegar, a través de seis conferencias, o traballo que realiza neste eido o persoal docente e investigador da Universidade da Coruña á sociedade. A primeira das conferencias terá lugar este venres 3 de xuño, ás 20:00 horas, no Antigo Hospicio de Ferrol. As profesoras e investigadoras Laura Castro Santos e Almudena Filguera Vizoso falarán sobre a enerxía eólica offshore.

A segunda das conferencias terá lugar o venres 16 de xuño no Salón de Plenos do Concello das Somozas. Nesta ocasión, será o profesor e investigador Antonio Enrique Masdías Bonome quen achegue ao público asistente á enerxía solar e á eficiencia enerxética. Sobre a enerxía maremotriz e undimotriz falarán o CEO de Puerta de Asia, Santiago Gil Casares, e o profesor Raúl Villa Caro, o venres 23 de xuño, na Casa da Cultura de Valdoviño. Unha semana despois, o venres 30 de xuño, o profesor e investigador Fernando de Llano Paz reflexionará sobre a transición enerxética na Casa da Cultura de San Sadurniño.

Xa no mes de xullo, a adxunta a Transferencia da Vicerreitoría de Política Científica, Investigación e Transferencia, Sonia Zaragoza Fernández, falará sobre hidróxeno verde na Casa Dopeso das Pontes e o profesor e investigador Luis Montenegro Pérez sobre a situación actual e as perspectivas de futuro das enerxías renovables no Café Teatro do Pazo da Cultura de Narón.

Máis información chamando ao 881 01 3621 ou ben enviado un correo electrónico a comunicacion.campus.industrial@udc.gal