April 22, 2022

I Xornada de Portas Abertas do Campus Industrial de Ferrol

O Campus Industrial de Ferrol organiza unha Xornada de Portas Abertas Presencial dirixida a alumnado de BACH e FP o vindeiro venres 22 de abril

Ferrol, 4 de abril de 2022.- O Campus Industrial e o Servizo de Estudantes da Universidade da Coruña organizan, o vindeiro venres 22 de abril, unha Xornada de Portas Abertas Presencial dirixida a alumnado de Bacharelato e de ciclos de Formación Profesional Superior. A quenda de mañá, de 09:00 a 15.00 horas, estará reservada para colexios e institutos mentres que a da tarde, de 16:00 a 20:00 horas, estará dirixida a un público máis familiar. O alumnado participante poderá elixir entre tres posibles itinerarios: Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas ou Enxeñaría.

O estudantado que opte polo itinerario de Ciencias da Saúde achegarase ata a Facultade de Enfermaría e Podoloxía, centro no que se imparten os graos en Enfermaría e Podoloxía. Pola contra, o alumnado que elixa o itinerario de Ciencias Sociais e Xurídicas visitará, en primeiro lugar, a Facultade de Humanidades e Documentación, onde se imparte o grao en Xestión Industrial da Moda e o grao en Xestión Dixital de Información e Documentación. A partires do mes de setembro, a facultade contará cunha nova titulación, posta en marcha en colaboración coa Universidade de Vigo (UVigo), o grao en Relacións Internacionais. Ao igual que o grao en Xestión Industrial da Moda, esta titulación require dunha acreditación de nivel B1 de inglés previa á solicitude de praza e á formalización da correspondente matrícula. No itinerario de Ciencias Sociais e Xurídicas inclúese tamén a visita á Facultade de Ciencias do Traballo, centro no que se imparte o grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos.

Pola súa banda, o itinerario de Enxeñaría levará ao estudantado ata a Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) onde se imparte o grao en Enxeñaría en Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto. Nesta proposta, o alumnado participante achegarase tamén ata a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) onde se imparten os graos en Enxeñaría Mecánica, en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, en Enxeñaría Naval e Oceánica, en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e o Programa de Simultaneidade en Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría Naval e Oceánica. A maiores, a escola oferta o grao en Enxeñaría Eléctrica, o primeiro grao dual do Sistema Universitario Galego, e o grao aberto en Enxeñaría Industrial, unha titulación que lle permite ao estudantado elixir a carreira que finalmente vai estudar no segundo curso optando así polo grao en Enxeñaría Mecánica, en Tecnoloxías Industriais, en Enxeñaría Eléctrica ou ben polo grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática.

Todas aquelas persoas interesadas en participar na I Xornada de Portas Abertas Presencial do Campus Industrial de Ferrol deberán enviar un email cos seus datos persoais a comunicacion.campus.industrial@udc.es ou ben chamar ao 881 01 3621 antes das 14:00 horas do luns 11 de abril. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

 

Formulario de inscrición – I Xornada de Portas Abertas Presenciais do Campus Industrial de Ferrol

Portal de Estudos da Universidade da Coruña