Investigadores da UDC e alumnado de Secundaria do proxecto de elaboración para Europa dun plan de estudos en Intelixencia Artificial presentan resultados

  • O Campus Industrial de Ferrol acolle a presentación de resultados do proxecto europeo “AI+: Developing an Artificial Intelligence Curriculum adapted to European High School”, financiado con máis de 370.000 euros polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación.
  • Participa o investigador principal do proxecto, o profesor Fran Bellas, e alumnado dos dous centros galegos involucrados, o CPI A Xunqueira (Fene) e o IES David Buján (Cambre). Colaboraron no proxecto ademais centros de ensino de Italia, Lituania, Eslovenia e Finlandia.

 

Ferrol, 21 de xuño de 2022.- O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle mañá, mércores 22 de xuño, a partir das 10:00 horas, a xornada de presentación dos resultados do proxecto europeo AI+: Developing an Artificial Intelligence Curriculum adapted to European High School, unha iniciativa de innovación educativa que tiña por obxectivo elaborar un plan de estudos para unha materia de Intelixencia Artificial (IA) adaptada a estudantes de Bacharelato, e válida para toda Europa.

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, o adxunto de Mobilidade e Convenios da Vicerreitoría de Internacionalización e Cooperación, Evaristo Zas, e o coordinador do proxecto europeo AI+, o profesor e investigador Fran Bellas, inauguran unha xornada divulgativa na que se presentarán os principais resultados desta iniciativa de innovación educativa. Está previsto que dos dous centros galegos involucrados no proxecto, o CPI A Xunqueira de Fene e o IES David Buján de Cambre, compartan as súas vivencias e experiencias co público asistente, maioritariamente profesorado e alumnado de secundaria e bacharelato de varios centros de ensino da Comarca de Ferrolterra. Para rematar, realizarase unha visita á Canle de Ensaios Hidrodinámicos, situada no Centro de Investigacións Tecnolóxicas, e ao Taller de Robótica, emprazado no Edificio de Talleres, adscrito á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol.

Ao longo destes tres últimos anos, profesorado e persoal técnico vinculado ao Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) da Universidade da Coruña no Campus de Ferrol, estivo a traballar conxuntamente con seis socios, todos eles seleccionados en base á súa experiencia previa en proxectos europeos Erasmus+ e á súa traxectoria en innovación educativa. Trátase de seis centros de ensino secundario e de bacharelato de cinco países europeos distintos: o 2IIS A-Ruiz (Italia), o Viesoji istaiga Panevezio Profesinio Rengimo Centras (Lituania), o CPI A Xunqueira (Fene, A Coruña, España), o Solski center Velenje (Eslovenia), o Joensuun yhteiskoulun lukio (Finlandia) e o IES David Buján (Cambre, A Coruña, España).

Dada a súa ampla experiencia no eido da investigación e na ensinanza da IA aplicada, foi o persoal do GII quen redactou as unidades didácticas que conforman este plan de estudos, e tamén quen as testou co profesorado e alumnado dos seis centros implicados no proxecto, para finalizar a confección dun material educativo de gran valor.

Máis de 370.000 euros e tres anos para levalo a cabo

O Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) concedeulle este proxecto de innovación educativa á Universidade da Coruña en decembro de 2019. AI+ tivo unha duración de tres anos e contou cun financiamento de 371.512 euros, o segundo maior de todos os concedidos na convocatoria K201 (educación escolar) nese ano.

Dende o GII aseguran que este proxecto constituíu unha grande oportunidade para o Campus de Ferrol, para a Universidade da Coruña e tamén para o sistema educativo galego xa que lles permitiu posicionarse como referente en innovación educativa en España e Europa.

Imaxe de familia dos integrantes do proxecto AI+: Developing an Artificial Intelligence Curriculum adapted to European High School en Velenje (Slovenia) o pasado mes de maio.

O proxecto “Developing an artificial intelligence curriculum adapted to european high school” está cofinanciado polo programa Eramus+ da Unión Europea. O contido desta nota de prensa non é responsabilidade nin da Comisión Europea, nin do Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE). Non son responsables do uso que se poda facer da información aquí difundida.