O Campus Industrial de Ferrol acolle mañá e pasado un encontro internacional de estudantes que promove a Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias

Ferrol, 16 de marzo de 2022.- O director da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, Moisés Alberto García, e a adxunta a Transferencia da Vicerreitoría de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Sonia Zaragoza, reciben mañá, xoves 17 de marzo, ás 09:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol, aos estudantes de máster e doutoramento que participan na International Light Twinning Experience 2022.

No marco do proxecto europeo CRISPRO – Seguridade e Protección mediante Sinerxías de Coñecemento, ao longo dos próximos dous días, este grupo de estudantes de máster e doutoramento na Universidade de Zilinska (Eslovaquia), na Universidade de Génova (Italia) e na Universidade da Coruña (España) analizarán a xestión das emerxencias nos seus países de orixe e realizarán propostas de mellora conxuntas nun encontro que servirá tamén para avanzar na posta en marcha dun curso de especialización en Protección Civil e Xestión de Emerxencias por parte da Facultade de Ciencias do Traballo.

Na xornada do venres hai programadas sendas visitas á sede de Protección Civil e ao Parque de Bombeiros do Concello de Narón. A maiores, está previsto que se acheguen ata o Campus Industrial de Ferrol os representantes da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol para coñecer os avances realizados nos últimos meses no marco do proxecto europeo CRISPRO.

Proxecto Europeo CRISPRO

O Proxecto CRISPRO- Seguridade e Protección mediante Sinerxías de Coñecemento é unha rede europea integrada por organizacións de protección civil, entidades de investigación e axencias de carácter institucional que persegue o estudo e o intercambio de experiencias no eido da protección civil entre os distintos estados. No proxecto, impulsado pola Dirección Xeral de Protección Civil e Axuda Humanitaria (DG ECHO) e financiado pola Comisión Europea, participan un total de 9 países: Eslovaquia, Francia, Finlandia, Italia, República Checa, Bulgaria, Turquía, Portugal e España.

A Universidade da Coruña é a representante española nesta rede europea que lidera o Instituto Internacional de Emerxencias e Seguridade (ISEM) de Eslovaquia e na que participan tamén o Ministerio de Interior de Turquía, o Instituto Búlgaro de Defensa e a Asociación Nacional de Servizos de Rescate de Finlandia. A coordinadora do proxecto na UDC é a profesora e investigadora María Sonia Zaragoza Fernández. Con todo, conta coa colaboración do director da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, Moisés Alberto García, do coordinador da mesma, Daniel Lorenzo, e máis do Campus Industrial de Ferrol.