O Campus Industrial de Ferrol acolle mañá unha xornada centrada nos retos empresariais existentes entre Galicia e Portugal

Ferrol, 23 de marzo de 2022.- A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, inaugura mañá, xoves 24 de marzo, ás 09:45 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal, a xornada “Retos Empresariais en Galicia e Portugal” que promove o Campus Industrial da Universidade da Coruña co obxecto de crear novas oportunidades de colaboración co país veciño nos eidos da robótica, a enxeñaría naval e offshore, a xestión de procesos industriais, o desenvolvemento de produtos, os materiais ou o da xestión industrial.

O administrador da Asociación Empresarial de Portugal (AEP) e vicepresidente da Red Mundo Atlántico, Paulo Vaz, será o primeiro en intervir afondando na importancia xeopolítica e xeoeconómica do noroeste peninsular. De seguido, o secretario xeral da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME), Enrique Mallón, falará sobre a cooperación transfronteiriza para a mellora da competitividade industrial e o director executivo da Red Mundo Atlántico, Guillermo Taboada, explicará os avances acadados nun proxecto impulsado por España e Portugal que busca crear un ecosistema innovador que facilite o desenvolvemento de proxectos comúns.

Ao longo da mañá, intervirán tamén a directora do Campus Industrial, Ana Ares, o coordinador do grao en Xestión Industrial da Moda, Manuel Escourido, e o director comisionado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Andrés Piñón. Pecharán o evento, coas súas intervencións, o director científico do Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CIT), Armando Yáñez, e o profesor Pablo Fariña quen coordinou a que foi a Unidade Mixta de Investigación UDC – Navantia.