O Grupo Integrado de Enxeñaría da UDC presenta a súa proposta de plan de estudos para implantar a materia de Intelixencia Artificial en toda Europa

Ferrol, 22 de xuño de 2022.- O Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña presentou este mércores, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, os resultados do proxecto europeo de innovación educativa AI+: Developing an Artificial Intelligence Curriculum adapted to European High School. No evento, presidido pola vicerreitora do Campus de Ferrol, María Jesús Movilla, e o adxunto de Mobilidade e Convenios da Vicerreitoría de Internacionalización e Cooperación, Evaristo Zas, participou tamén o profesorado e alumnado dos dous centros galegos involucrados no proxecto, o CPI A Xunqueira de Fene e o IES David Buján de Cambre.

O Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) concedeulle este proxecto de innovación educativa á Universidade da Coruña en decembro de 2019. Nos tres anos seguintes, o profesorado e persoal técnico do Grupo Integrado de Enxeñaría contou coa colaboración de seis centros de ensino secundario e de bacharelato de cinco países europeos: o 2IIS A-Ruiz (Italia), o Viesoji istaiga Panevezio Profesinio Rengimo Centras (Lituania), o CPI A Xunqueira (Fene, A Coruña, España), o Solski center Velenje (Eslovenia), o Joensuun yhteiskoulun lukio (Finlandia) e o IES David Buján (Cambre, A Coruña, España). Todos estes centros foron seleccionados en base á súa experiencia previa en proxectos europeos Erasmus+ e á súa traxectoria en innovación educativa.

Tal e como explicou o coordinador do proxecto AI+, o profesor e investigador Fran Bellas, “o desenvolvemento dun plan de estudos para unha materia de Intelixencia Artificial e a súa futurible implantación en toda Europa permitirá reducir a fenda de xénero no eido da enxeñaría, a taxa de abandono escolar e facer máis accesibles uns contidos de vital importancia para a sociedade”. O Grupo Integrado de Enxeñaría deseñou 16 unidades didácticas nas que o alumnado participante debía afondar no campo das aplicacións para smartphones, da robótica autónoma e da Intelixencia Artificial Colectiva. Botando man do propio smartphone do alumnado e do robot educativo Robobo, o profesorado dos centros colaboradores impartiu estas unidades didácticas como actividade extracurricular ou integrada como parte de materias de tecnoloxía xa existentes. Os seus comentarios e achegas permitiron adaptar e mellorar uns documentos de traballo que son accesibles, de xeito totalmente gratuíto, a través da páxina web do proxecto AI+ https://aiplus.udc.es/.

O estudantado de ESO do CPI A Xunqueira de Fene e de ESO e Bacharelato do IES David Buján de Cambre compartiron as súas vivencias e experiencias con outros centros da Comarca de Ferrolterra. Todos eles destacaron que participar no proxecto europeo AI+ lles permitiu mellorar a súa capacidade de traballo en equipo, os seus coñecementos en informática, o seu nivel de inglés e, por suposto, achegarse á intelixencia artificial dun xeito ameno e divertido. Pola súa banda, as profesoras do CPI A Xunqueira de Fene, Blanca López, e Montse Iglesias, puxeron en valor un proxecto que permitiu que o seu estudantado explorase campos que a formación regrada non permite. Salientaron tamén a necesidade de continuar poñendo en marcha iniciativas coma esta que permitan fomentar e fortalecer a relación entre a universidade e os centros de ensino secundario. Nesta mesma liña se pronunciou o profesor do IES David Buján, Luis Couceiro, quen subliñou tamén a importancia de que o alumnado de bacharelato teña as ferramentas necesarias para elixir que estudar nun futuro achegándose neste caso á universidade e a todas as súas potencialidades.