O Programa de Bolsas do Campus Industrial de Ferrol potencia a internacionalización dos másters en Materiais Complexos, Eficiencia Enerxética e Videoxogos

De esquerda a dereita, Souhayl Hidrani, Marlyn Montells Malberty, Do Trung Hieu, Nguyen Cong Ha e Deivi Oliveros, nos xardíns do Campus Industrial de Ferrol.

Ferrol, 22 de febreiro de 2022.- O Programa de Bolsas do Campus Industrial de Ferrol diríxese a todos aqueles estudantes estranxeiros que queiran cursar un máster oficial na Universidade da Coruña e, máis concretamente, na Escola Politécnica de Enxeñaría. Neste curso 2021/22, ofertáronse un total de 7 bolsas para cursar o máster en Materiais Complexos: Análise Térmica e Reoloxía, o máster en Eficiencia Enerxética e Aproveitamento Enerxético e o máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos.

Tal e como explica a directora do Campus Industrial, Ana Ares, este programa de bolsas quere potenciar a internacionalización destas tres titulacións, facilitar o acceso dos estudantes estranxeiros aos másters universitarios adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), fomentar a mobilidade do alumnado e facilitar as relacións de cooperación entre Universidade da Coruña e outras institucións de educación superior no que atinxe aos estudos de postgrao.

As bolsas inclúen un importe destinado a sufragar os gastos da viaxe, unha contía que oscilará entre os 400 e os 1.700 euros en función do país de procedencia. Do mesmo xeito, o Campus Industrial de Ferrol faise cargo dos custos da súa matrícula (60 créditos ECTS) e o alumnado beneficiario do programa recibe 600 euros mensuais en concepto de manutención e aloxamento por un período mínimo de 9 meses podendo chegar ata os 11 meses no suposto de que o estudantado beneficiario teña que quedar na cidade departamental a efectos de avaliación.

Neste curso 2021/22, o máster en Materiais Complexos: Análise Térmica e Reoloxía ofertou un total de tres bolsas do Campus Industrial de Ferrol que finalmente obtiveron Deivi Oliveros, titulado en Química pola Universidade Central de Venezuela, Do Trung Hieu, titulado en Química no marco do programa de talento K60 pola Universidade de Ciencias de Hanoi en Vietnam, e Nguyen Cong Ha, titulado en Enxeñaría Aeroespacial pola Universidade de Ciencias e Tecnoloxía de Hanoi en Vietnam. Os tres mozos atópanse xa na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol logo de cursaren o primeiro cuadrimestre na prestixiosa Universidade de París en Francia.

Pola súa banda, o máster en Eficiencia e Aproveitamento Enerxético ofertou outras dúas bolsas que acadaron Marlyn Montells Malberty, titulada en Enxeñaría en Tecnoloxías Nucleares pola Universidade da Habana en Cuba, e Souhayl Hidrani, titulado en Enxeñaría Térmica e Enerxética pola Escola de Tecnoloxía de Fez en Marrocos. Nos próximos meses, decidirán se queren cursar unha última parte do máster no Instituto Politécnico de Bragança en Portugal obtendo así un dobre título internacional

O máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos ofertou outras dúas bolsas pero, finalmente, só se adxudicou unha delas sendo a súa beneficiaria Alejandra Marcela Contreras Sanz, titulada en Publicidade pola Universidade Nacional Andrés Bello de Chile. Todos os estudantes beneficiarios do Programa de Bolsas do Campus Industrial de Ferrol coinciden en resaltar a importancia e o interese dunha axuda que lles permitirá especializarse nas súas áreas de coñecemento para continuar formándose a través dun programa de doutoramento ou ben volver aos seus países de orixe e pór en valor todo o aprendido na Universidade da Coruña.