O reitor da UDC, Julio Abalde, e o director de Navantia Ferrol, Eduardo Dobarro, entregaron este venres o premio aos gañadores do hackathon Navantia Next Pioneers

Os estudantes do grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto Alberto Caaveiro, Daniel Anidos, Sara Soldevilla, Helena García e Alberto Reboredo presentaron a mellor solución ao reto proposto no hackathon Navantia Next Pioneers que acolleu durante 24 horas a Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI).

Ferrol, 25 de abril de 2022.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o director de Navantia Ferrol, Eduardo Dobarro, acompañados pola directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, polo director da Escola Universitaria de Deseño Industrial, José Ramón Méndez, e o director de I+D+i de Navantia Ferrol, entregaron este venres o premio ao equipo gañador do Hackathon Navantia Next Pioneers que tivo lugar entre as 15:00 horas do xoves 21 e as 15:00 do venres 22 de abril no campus ferrolán e no que participaron 42 estudantes (15 homes e 27 mulleres) do grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento de Produto.

O reto presentado por Navantia para este hackathon foi o de abordar solucións de deseño dun soporte universal robotizable que sirva para suxeitar distintos elementos dos sistemas como tubos, cables ou condutos á estrutura dos buques. Tanto un buque como unha fragata empregan máis de 150.000 destes soportes.

Ao longo do evento, os alumnos foron acompañados en todo o proceso creativo polo equipo de Kelea, encargados de manter a motivación e a enerxía dos participantes durante toda a noite, e por mentores de Navantia e da Universidade da Coruña que foron validando en tempo real as ideas xeradas.

Do mesmo xeito, nas 24 horas que durou este hackathon, os estudantes tiveron a oportunidade de escoitar a Alejandro Miguel Sanmartín, director do Jet Propulsion Laboratory da NASA, quen se conectou en directo desde Os Ánxeles e a Iago Iglesias Pose, antigo alumno da Escola Universitaria de Deseño Industrial e integrante da startup ITFAB que traballa na fabricación aditiva e o prototipado rápido.

Presentáronse un total de 8 solucións, das que, logo da súa correspondente presentación e análise por un xurado, foi seleccionado como gañador o equipo “Ocean” integrado por Alberto Caaveiro, Daniel Anidos, Sara Soldevilla, Helena García e Alberto Reboredo.

O hackathon Navantia Next Pioneers pon de manifesto, unha vez máis, a colaboración existente entre Navantia e a Universidade da Coruña, a través do Campus Industrial de Ferrol, na que é unha aposta conxunta por impulsar e visibilizar o talento.

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o director de Navantia Ferrol, Eduardo Dobarro, foron os encargados de entregarlle o premio aos integrantes do equipo gañador, “Ocean”, quen recibirán cadanseu cheque por valor de 150 euros.