O reitor, Julio Abalde, e a vicerreitora de Ferrol, María Jesús Movilla, revisaron as obras de reforma do edificio de usos administrativos do Campus

A Coruña, 2 de febreiro de 2022.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, supervisaron o pasado luns o estado das obras de reforma do Edificio de Usos Administrativos do campus departamental, xunto coa directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, e a vicexerenta dese campus, María Jesús Caínzos.

A Universidade está a realizar obras de acondicionamento no Edificio de Usos Administrativos para centralizar nel ao persoal de xestión académica, económica e de apoio á investigación das escolas e facultades do campus e así materializar a reestruturación derivada da entrada en vigor da nova Relación de Postos de Traballo (RPT). A centralización do persoal pretende facilitar unha xestión máis áxil e eficiente dos recursos humanos do campus.

Previamente á visita das obras, que avanzan a bo ritmo, o reitor e a vicerreitora reuníronse co persoal destas unidades.

A visita do reitor ao campus de Ferrol, que se prolongou toda a mañá, continuou cunha reunión de traballo na que a directora do Campus Industrial lle presentou distintas accións que se van poñer en marcha no marco do Campus Industrial. Para finalizar a mañá, trasladáronse ao Centro de Innovación e Servizos (CIS) da Cabana para visitar as obras do que será o novo Laboratorio de Bioenxeñaría Ambiental e Control de Calidade (antigo Laboratorio de Combustibles), actualmente instalado no edificio do Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CIT), e que se trasladará ás dependencias do CIS.