O Salón de Actos do Campus Industrial de Ferrol acolle unha nova edición do curso Carlos Gurméndez os días 6,7 e 8 de xullo

Ferrol, 1 de xullo de 2022.- A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz, a coordinadora do curso Carlos Gurméndez, Esperanza Piñeiro, e o director académico do mesmo, o profesor da Universidade da Coruña, Alberto Sucasas, presentaron este xoves, na Sala de Xuntas da Vicerreitoría, a 23ª edición deste curso de pensamento e comunicación que terá lugar os días 6, 7 e 8 de xullo no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol e que afondará no papel da muller na ciencia e na cultura.

Na súa intervención, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, amosouse moi orgullosa de que logo do parón provocado pola Covid-19 o Club de Prensa de Ferrol elixise novamente ao Campus Industrial de Ferrol como espazo de referencia para levar a cabo as conferencias e mesas redondas do curso Carlos Gurméndez. Pola súa banda, a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz, salientou que esta é a primeira vez que o curso de pensamento e comunicación conta con tanta presencia do profesorado e persoal investigador da Universidade da Coruña algo que, na súa opinión, dá boa mostra da excelente relación que existe entre ambas institucións.

O director académico do curso Carlos Gurméndez, Alberto Sucasas, explicou que a xornada do mércores 6 de xullo incluirá as conferencias do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, e a da profesora da Universidade da Coruña, Ana María Iglesias Galdo. Ese mesmo día, presentarase o documental sobre María Zambrano titulado “El método de los claros” e que dirixiu José Manuel Mouriño. O mércores 7 intervirán a comisaria e crítica de arte Rosario Sarmiento e a profesora da Universidade de Santiago de Compostela, María Xosé Agra. Xa pola tarde, a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, moderará unha mesa redonda na que participarán a directora técnica do Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CIT), Anne Gosset, a subdirectora da Oficina para a Igualdade de Xénero, María José Abad, a investigadora distinguida contratada no programa Beatriz Galindo, Vanessa Valdiglesias, a presidenta da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia (AMIT-GAL), Ana Xesús López, a directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF), Teresa Piñeiro, e a profesora e investigadora da Universidade da Coruña, Verónica Bolón.

O venres 8 de xullo, o programa do Curso Carlos Gurméndez incluirá as conferencias do profesor da Universidade da Coruña, Alberto Susacas, da profesora da Universidade Complutense de Madrid, Cristina Oñoro, da coordinadora de “Ferrol en Femenino”, Rosa Millán, e do xornalista Germán Castro.

As persoas interesadas en participar neste curso terán que enviar un correo electrónico cos seus datos persoais a info@clubdeprensaferrol.com ou ben chamar ao 661 331 986 antes das 11:00 horas do martes 5 de xullo. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. O curso conta coa homologación de 20 horas da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para o profesorado de ensino non universitario.

Foto: De esquerda a dereita, a coordinadora do curso Carlos Gurméndez, Esperanza Piñeiro, a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, e o profesor da Universidade da Coruña, Alberto Sucasas, na Sala de Xuntas da Vicerreitoría.