Os equipos CON3CT4- H4CK4P0S, de Narón, e MEGA BUILDER TEAM de Ribeira representarán a Galicia na final estatal da FIRST LEGO League

A Coruña, 5 de marzo de 2022.- Uns 300 mozos e mozas de idades entre os 4 e os 16 anos estiveron esta mañá na oitava edición da FIRST LEGO League Galicia celebrada no Auditorio de Ferrol. Organizada pola Universidade da Coruña, o Campus Industrial de Ferrol, a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol e a asociación Ingeniera soy, esta edición celebrouse de novo de forma presencial, despois de que a pandemia obrigase a virtualizala o ano pasado.

Despois dunha mañá de probas, o equipo CON3CT4 – H4CKZ4P0S, de Gazapo Xestión SL (Narón, A Coruña) resultou gañador obtendo o Primeiro Premio Ingeniera soy ao Gañador. En segundo lugar, quedou o equipo MEGA BUILDER TEAM, de MEGA Ribeira (Ribeira, A Coruña) co Premio Universidade da Coruña ao Gañador. Estes dous equipos clasificáronse para a gran final nacional que terá lugar o sábado 2 de abril no Pazo de Congresos Torremolinos-Costa del Son en Málaga. O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, fíxolles entrega dos premios felicitando a todos os participantes, así mesmo aproveitou para animar ás mozas presentes a seguir cos estudos tecnolóxicos.

Ademais destes premios, a FIRST LEGO League entregou os seguintes galardóns:

Primeiro Premio Concello de Ferrol aos Valores FIRST: EFIGY GIRLS Montespiño

Segundo Premio Deputación da Coruña ao Valores FIRST: Catabótica, do IES Catabois (Ferrol, A Coruña).

Premio Xunta de Galicia ao Proxecto de Innovación: Pathfinders, do Colexio Internacional Eirís (A Coruña).

Nominado aos Global Innovation Awards: Efigy Girls de Montespiño.

Premio ao Deseño do Robot: Montecastelo BOT, do Colexio de Fomento Montecastelo (Vigo, Pontevedra).

Premio ao Comportamento do Robot: CON3CT4 – H4CKZ4P0S.

Premio Gabadi á Excelencia na Enxeñaría: Gázapon – INH, de Gazapo Xestión SL (A Coruña).

Premio Novas Promesas: Robot City Pobra, do CEIP Salustiano Rey Eiras (A Pobra do Caramiñal, A Coruña).

Premio ao Adestrador/a para Pablo e Lucía de Gazapo Xestión SL (A Coruña)

Primeiro Premio Ingeniera soy ao Gañador para o equipo CON3CT4 – H4CKZ4P0S, co reitor, Julio Abalde.

O Auditorio de Ferrol acolleu esta mañá a FIRST LEGO League Galicia, un campionato no que participaron un total de 41 equipos (21 na categoría FLL Challenge, 19 na FLL Explore e 1 na FLL Discover) con preto de 300 mozos e mozas de toda Galicia. O evento, coordinado polo profesor José Antonio Becerra Permuy, contou coa colaboración de máis de cen persoas voluntarias.

Ademais do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asistiron ao evento o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, a alcadesa de Narón, Marián Ferreiro, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabildade Social, María Jesús Movilla, a directora do Campus Industrial, Ana Ares, e o responsable de Transformación Dixital no estaleiro da ría de Ferrol, Rafael Morgade, entre outras autoridades.

Como cada ano, colaboran nesta iniciativa o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Ferrol e o Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño. Ademais, patrocinan a FLL Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), Gadis, R Cable, ERROR! Ferrol, PuntoGal, Neodyn e TodoOcio.

 

Que é a FIRST LEGO League?

A FIRST LEGO League é un programa internacional que desafía a mozos e mozas de entre 4 e 16 anos, divididos en 3 categorías, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovables. Mediante a súa resolución, os mozos e mozas desfrutan coa ciencia e a tecnoloxía. Ao mesmo tempo, aprenden valiosas habilidades para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación.

 

O desafío FIRST LEGO League en España

Desde este ano, a Asociación ingeniera.soy é a entidade que impulsa a FIRST LEGO League en España en colaboración co 20% das universidades españolas, parques tecnolóxicos e entidades de promoción da innovación como socios. Ademais, a iniciativa é posible grazas á colaboración de empresas e entidades que achegan aos participantes aos coñecementos e profesións STEAM.

 

Como funciona a FIRST LEGO League?

Cada tempada, a FIRST LEGO League desafía aos mozos e mozas a resolver problemas do mundo real, tales como a reciclaxe, a xestión da auga ou as enerxías renovables mediante as oportunidades que ofrece a ciencia e a tecnoloxía. Na edición 2021/22, a través do DESAFÍO CARGO CONNECT invita aos equipos a aprender como se transporta, clasifica e entrega a carga aos seus destinos, desde as grandes distancias ata a “última milla”. Do mesmo xeito, tamén os desafía a atopar solucións para repensar o transporte a medida que se impoñen máis demandas aos sistemas de transporte como poden ser a rapidez, a eficacia ou a sustentabilidade.

Os equipos teñen que resolver este desafío en tres áreas de traballo:

O Proxecto de Innovación. Un proxecto que explique e detalle a súa solución innovadora como opción de mellora ao problema proposto.

O Xogo do Robot. O deseño, construción e a programación dun robot LEGO MINDSTORMS Education que terá que superar divertidas misión nun taboleiro de xogo relacionado co desafío.

A integración dos valores FIRST LEGO League. Mentres os equipos desenvolven o Proxecto Científico e o Xogo do Robot, integran os valores FIRST LEGO League: descubrimento, innovación, impacto, inclusión, colaboración e diversión.

 

Como participa un equipo na FIRST LEGO League?

Os participantes crean un equipo, de entre 2 e 10 membros, de 10 a 16 anos.

Durante tres meses preparan o desafío FIRST LEGO League e organizan a súa propia micro FLL no centro educativo ou asociación. A participación nunha micro FLL dá acceso aos Torneos Clasificatorios FIRST LEGO League.

Nesta 16ª edición da FIRST LEGO League terán lugar un total de 27 torneos clasificatorios en España organizados grazas á participación de máis de 2.000 persoas voluntarias. Os equipos seleccionados nos Torneos Clasificatorios chegarán a GRAN FINAL FIRST LEGO League que este ano terá lugar o sábado 2 de abril no Pazo de Congresos Torremolinos-Costa del Son en Málaga.

Segundo Premio Universidade da Coruña ao Gañador para o equipo MEGA BUILDER TEAM, co reitor, Julio Abalde.

Que é a FIRST LEGO Explore?

A FIRST LEGO League Explore é un programa internacional dirixido a nenos e nenas de 6 a 9 anos, centrado na promoción da ciencia e da tecnoloxía, para captar a curiosidade dos máis pequenos e dirixila cara o descubrimento e a mellora do mundo que os rodea.

Por equipos, de entre 2 a 6 participantes, os máis pequenos deseñan e constrúen unha maqueta con pezas LEGO e preparan un póster illustrativo do seu traballo. Un póster que presentan diante do público asistente aos EVENTOS FIRST LEGO League Explorer que se organizan nos tornos clasificatorios e na Gran Final.

 

Que é a FIRST LEGO Discover?

A FIRST Lego League Discover é un programa introdutorio á ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e ás matemáticas (STEM), dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 6 anos. O programa estimula a súa curiosidade natural ampliando os seus coñecementos e desenvolvendo novos hábitos de aprendizaxe.