Febreiro 16, 2020

FIRST LEGO LEAGUE 2020

Na FIRST LEGO League Galicia do pasado mes de febreiro participaron un total de 49 equipos (29 na categoría FLL, 14 na FLL Junior e 6 na FLL Junior Discovery) e preto de 370 mozos de Galicia e Asturias. Á fronte deste proxecto estivo o profesor da Universidade da Coruña, José Antonio Becerra Permuy.

Colaboraron nesta iniciativa Santander Universidades, a Deputación provincial da Coruña, o Concello de Ferrol e o Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño. Formaron parte como patrocinadores a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), GADIS, R, Erro Ferrol!, PuntoGal, Neodyn, TodoOcio e Lidl.

Que é a FIRST LEGO League?

A FIRST LEGO League é un programa internacional que desafía a mozos, de entre 10 e 16 anos, e resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovables. Mediante a súa resolución, os mozos gozan coa ciencia e a tecnoloxía. Ao mesmo tempo, aprenden valiosas habilidades para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación. Este desafío está conformado por tres ámbitos de traballo:

  • Deseñar, construír e programar un robot.
  • Desenvolver un proxecto científico que da solución a un problema proposto por eles mesmos.
  • Demostrar uns valores de equipo.

A FIRST LEGO League ten unha dobre misión:

  • Fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre os máis novos.
  • Desenvolver habilidades e competencias de futuro.