Faladoiros Literarios: o ciclo de tertulias con escritores que une ao Concello e ao Campus Industrial de Ferrol

Ferrol, 11 de febreiro de 2026. O Concello de Ferrol e o Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC) impulsan Faladoiros Literarios, un ciclo de tertulias que reunirá a recoñecidos escritores do ámbito galego e estatal con xornalistas locais para falar de literatura, creación e actualidade cultural.

A iniciativa foi presentada hoxe polo concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far, e a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, e ambos destacaron o valor desta colaboración institucional para achegar o mundo das letras á cidadanía.

“Trátase de falar de literatura con destacados escritores e escritoras do mundo das letras galegas e castelás, nunhas conversas moderadas por xornalistas de diversos medios de comunicación de Ferrol”, avanzou José Antonio Ponte Far.

O concelleiro subliñou a importancia da colaboración do Campus Industrial de Ferrol neste proxecto cultural, destacando que “a colaboración do Campus é un motivo de satisfacción para todos os que valoramos o mundo das letras”, afirmou. E puxo en valor a visión da vicerreitora ao entender que “as ciencias e as letras son dous compoñentes complementarios e necesarios na formación cultural das persoas”.

Pola súa banda, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, explicou que unha parte destes Faladoiros Literarios terán lugar nas dúas bibliotecas do campus, a Biblioteca Casa do Patín e a Biblioteca Ángela Ruíz Robles, situada no Edificio de Apoio ao Estudo, “uns espazos que representan o compromiso da Universidade da Coruña coa cultura e coa promoción do diálogo aberto entre escritores, xornalistas e público lector.”

Nesta liña, Ana Ares salientou que “as ciencias, a tecnoloxía e as letras son compoñentes complementarios e necesarios na formación cultural das persoas enriquecendo a vida universitaria e achegando o campus á cidade.”

PROGRAMA DO CICLO

O ciclo contará con sete Faladoiros Literarios, nos que os autores participantes conversarán sobre a súa traxectoria, as súas obras, o momento actual de literatura en Galicia e en España, así como sobre as súas lecturas e referentes.

As sesións celebraranse ás 19:00 horas con entrada libre, ata completar aforo, e irán alternando ubicación no Concello de Ferrol e no Campus Industrial.

Así, comezarase o próximo día 24 de febreiro co escritor Víctor Freixanes, o 10 de marzo con Carmen Becerra, o 24 de marzo con Ángel Basanta e o 14 de abril con Darío Villanueva. En maio participará no Faladoiro Manolo Rivas, o día 12, e Xulio Valcárcel e Medos Romero farano o día 19. O ciclo finalizará o 9 de xuño con Ignacio Martínez de Pisón.

Cada un destes faladoiros será moderado polos xornalistas locais Ada Romero, Alicia Seoane, Isidoro Valerio, Ramón Loureiro, Marta Corral, Rebeca Collado e Xosé Fandiño.

Tanto dende o Concello de Ferrol como dende o Campus Industrial convídase á cidadanía a participar nestes encontros literarios, concibidos como un espazo de diálogo aberto entre escritores, profesionais da comunicación e público lector.

O Concello de Ferrol e o Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC) impulsan Faladoiros Literarios, un ciclo de tertulias que reunirá a recoñecidos escritores do ámbito galego e estatal con xornalistas locais para falar de literatura, creación e actualidade cultural
O Concello de Ferrol e o Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC) impulsan Faladoiros Literarios, un ciclo de tertulias que reunirá a recoñecidos escritores do ámbito galego e estatal con xornalistas locais para falar de literatura, creación e actualidade cultural

 

Cartel dos Faladoiros Literarios
Cartel dos Faladoiros Literarios