“Galicia, unha escola”, a exposición que conmemora os 50 anos da ETSAC, poderase visitar en Exponav ata o próximo 22 de febreiro

Ferrol, 28 de xaneiro de 2026.- A Sala Carlos III de Exponav acolleu este mércores a inauguración da exposición “Galicia, unha escola”, unha homenaxe a todo o persoal docente e ao estudantado que, desde o seu nacemento, formou parte da Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC) da Universidade da Coruña (UDC). O acto contou coa presenza do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, da delegada territorial da Xunta de Galicia, Martina Aneiros, da vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, e mais do director da ETSAC, Miguel Abelleira.

Comisariada polos arquitectos Felipe Peña e Luis Gil e a arquitecta Mercedes González, recolle obras dun cento de profesionais da arquitectura que, directa ou indirectamente, tiveron parte na formación da escola. Unha proposta que trae de volta a persoas que participaron dalgún xeito no ensino do centro, egresadas ou non, entre os anos 1975 e 2025. A mostra, poderase visitar, de xeito totalmente gratuíto, ata o próximo 22 de febreiro, de martes a venres, de 10:00 a 15:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, os sábados, de 10:00 a 19:00 horas, e os domingos, de 10:30 a 14:30 horas.

Con motivo desta exposición, editouse tamén un libro que recolle todas as obras expostas cunha achega de cada autor ou autora e que constitúe un reflexo da diversidade de talento, en diferentes ámbitos polos que transita a propia mostra, desde a función pública, a fotografía, o urbanismo, a investigación, a industria ou os novos medios.

O obxectivo para este 2026, expoñer nas 7 grandes cidades de Galicia

Do 28 de novembro ao 11 de xaneiro, a mostra “Galicia, unha escola” puido visitarse na Sala de Exposicións de Palexco, na cidade da Coruña. Tal e como explica o director da Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC), Miguel Abelleira, o obxectivo para este 2026 é levar esta exposición ás 7 grandes cidades de Galicia. Ferrol, e máis concretamente a Sala Carlos III de Exponav, será a súa segunda parada “pero isto non acaba aquí, a mostra foi concibida como un proxecto itinerante co que amosarlle ao conxunto da sociedade todo o talento que tivemos e temos na escola”, engade.

Na súa intervención, Miguel Abelleira quixo pór en valor “a colaboración entre as  institucións” lembrando que no mes de outubro, e da man do Concello de Ferrol, a Sala Carlos III de Exponav acollía a clausura do XIII Congreso Docomomo Ibérico, organizado pola Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC) e a delegación ferrolá do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). Nesta mesma liña, falou tamén da organización, en 2024, da Semana da Arquitectura de Ferrol, dedicada ao arquitecto Alfredo Alcalá, e na que estiveron implicados, novamente, o Concello, o Colexio e a Escola.

Foto: a mostra “Galicia, unha escola”, exposta na Sala Carlos III en Exponav, componse de 76 obras entre grupos e autores e autoras segundo indican desde a Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC).
Foto: a mostra “Galicia, unha escola”, exposta na Sala Carlos III en Exponav, componse de 76 obras entre grupos e autores e autoras segundo indican desde a Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC).