Gammera Nest, o estudo no que naceu o videoxogo de Tadeo Jones, imparte unha formación no Campus Industrial de Ferrol

Ferrol, 8 de abril de 2025.- Gammera Nest é unha das poucas empresas de desenvolvemento de videoxogos en España que aposta polo mecenazgo de novos proxectos culturais para lanzalos, aínda que custe varios anos, ás distintas plataformas que existen no mercado. Desde o seu nacemento, en 2012, imparte obradoiros e formacións en institucións e empresas como Medialab, o Museo do Prado ou o Museo Arqueológico Nacional (MAN), sendo agora a quenda da Universidade da Coruña (UDC).

Ao longo desta semana, o alumnado do segundo curso do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, titulación que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), recibirá unha destas formacións intensivas para mellorar tanto a parte técnica, a artística como o modelo de negocio do seu videoxogo, Renegade Jammer”, nado como Traballo Fin de Máster (TFM). Estes obradoiros teórico-prácticos compleméntanse cunha serie de titorías grupais e individualizadas dispoñibles ata o mes de setembro.

Entre as persoas expertas que se achegarán estes días ata o Campus Industrial de Ferrol figuran a fundadora de Path Games e directora do Departamento de Marketing en Selecta Play, Virgina Calvo; o director xeral de Sony Interactive Entertainment en Iberia, Mediterráneo, Adriático e Balcáns, Jorge Huguet; a primeira muller que traballou na industria do videoxogos en España e fundadora de Erbe Software e da distribuidora MCM, María Jesús López; a experta en estratexia de negocios e ventas, Fátima Aldama; o director do Programa de Formación PlayStation Talents, Daniel Sánchez; ou o experto en Unreal Engine e fundador de Path Games; Gonzalo Luna.

Ademais de recibir asesoramento para o desenvolvemento do seu videoxogo, o alumnado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) coñecerá os pormenores dalgúns dos proxectos nos que Gammera Nest ten participado dando apoio financieiro e/ou asesoramento técnico completo como poden ser The Many Pieces of Mr. Coo ou Tadeo Jones: La Maldición de la Esmeralda.

En definitiva, esta colaboración tradúcese en formación específica e sesións de titorías para que o alumnado poda participar na iniciativa PlayStation Talents, un dos certames máis coñecidos e recoñecidos da industria dos videoxogos en España. Deste xeito, o estudantado opta á posibilidade de que unha das maiores compañías de desenvolvemento de videoxogos, Sony Interactive Entertainment, poda publicar o seu xogo, visibilizalo nas súas campañas de promoción e darlle acceso ás ferramentas de desenvolvemento das súas videoconsolas.

Con todo, esta non sería a primeira vez que o alumnado da Universidade da Coruña (UDC), resulta seleccionado para participar neste certame. En decembro de 2023, o  xogo “Avy, Fábulas da Noite”, nado tamén como traballo final do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, conseguiu o galardón ao Xogo coa Mellor Arte na X Edición do Premios iokool PlayStation Talents.

a vicerreitora do Campus de Ferrol, Ana Ares; o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC), Marcos Míguez; e a coordinadora do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Luz Castro, achegáronse este luns a unha das sesións formativas impartidas por Gammera Nest que está a ter lugar na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).
a vicerreitora do Campus de Ferrol, Ana Ares; o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC), Marcos Míguez; e a coordinadora do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Luz Castro, achegáronse este luns a unha das sesións formativas impartidas por Gammera Nest que está a ter lugar na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).