Ferrol, 31 de marzo de 2026.- O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, o mércores 8 de abril, ás 18:00 horas, o relatorio do fundador de NautaTec e deseñador sénior de catro barcos de vela gañadores da Copa América, Manuel Ruiz de Elvira. A súa intervención forma parte do Ciclo de Conferencias 2025/2026 da Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos, que promoven a Universidade da Coruña (UDC) e Navantia, baixo a dirección da profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Ana Álvarez, e do responsable de Transformación Dixital e Industrial en Navantia Ría de Ferrol, Rafael Morgade.
Baixo o título “A náutica deportiva como pioneira tecnolóxica na enxeñaría naval”, Manuel Ruiz de Elvira fará un percorrido sobre como ao longo do último século a náutica de recreo e a competición teñen actuado como un axente transformador na adopción de tecnoloxías noutros campos da enxeñaría á contorna naval e tamén como elemento de xeración de innovación en si mesmo. Tamén centrará parte da súa presentación en falar daqueles aspectos relacionados cos últimos barcos da Copa América e as traxectorias profesionais que poden levar á participación dentro dos equipos de deseño deste campionato.
Manuel Ruiz de Elvira (Madrid, 1963) é enxeñeiro naval e doutor en Ciencias e Tecnoloxías Navais e Oceánicas pola Universidad Politécnica de Madrid (UPM). Ten participado en sete edicións da Copa América, formando parte como deseñador sénior do equipo de deseño nun total de catro campañas vitoriosas con dous equipos diferentes (Alinghi, en 2003 e 2007, e BMW Oracle Racing, en 2010 e 2014), dúas veces como desafiante e dúas como defensor. Ademais, é socio fundador de NautaTec, unha oficina de enxeñaría naval e deseño de iates, creada en 1994, en Madrid, e Naval Mind, orientada á integración, desenvolvemento e implementación de diferentes tecnoloxías na contorna naval, nada en 2025, tamén na capital madrileña. No ano 2000, a Asociación de Ingenieros Navales y Oceánicos de España (AINE) outorgoulle a NautaTec o premio á Mellor Empresa do Ano.
A conferencia poderá seguirse, de xeito presencial, ata completar o aforo, desde o Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, e, en liña, a través da páxina web https://www.catedracosmealvarez.com/conferencia-en-directo/.
