Ferrol, 10 de febreiro de 2026.- O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle este xoves, 12 de febreiro, ás 18:00 horas, o relatorio do director e subdirector do estaleiro de Navantia en Belfast, Carlos López Carregado e Guillermo Cuesta Sánchez. A súa intervención forma parte do Ciclo de Conferencias 2025/2026 da Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos, que promoven a Universidade da Coruña (UDC) e Navantia, baixo a dirección da profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Ana Álvarez, e do responsable de Transformación Dixital e Industrial de Navantia na Ría de Ferrol, Rafael Morgade.
Ao longo da súa intervención, Carlos López e Guillermo Cuesta, ambos cunha longa traxectoria profesional en Navantia e na súa internacionalización en Navantia Australia, explicarán a súa experiencia actual en Reino Unido, a importancia desta nova filial para abrir novas oportunidades e como se está poñendo a punto o histórico estaleiro de Belfast, que aspira a recuperar o orgullo da construción naval nunha cidade cuxo desenvolvemento e historia non poderían entenderse sen el.
A conferencia poderá seguirse, de xeito presencial, ata completar o aforo, desde o Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, e, en liña, a través da páxina web https://www.catedracosmealvarez.com/conferencia-en-directo/.
