O Ateneo Ferrolán acolle mañá a segunda sesión das xornadas de presentación dos traballos de fin de grao e máster que organiza o Campus Industrial da UDC

Ferrol, 14 de novembro de 2023.-  O Salón de Actos do Ateneo Ferrolán acolle mañá, mércores 15 de novembro, ás 19:00 horas, a segunda e última sesión das xornadas de presentación dunha escolma dos traballos de fin de grao e de máster defendidos polo alumnado do Campus Industrial da Universidade da Coruña nos últimos cursos académicos. O formato de presentación destes traballos será o do modelo PechaKucha, no que as persoas participantes disporán de 20 diapositivas e un máximo de 7 minutos para explicarlle ao público asistente os obxectivos e as principais conclusións dos seus estudos.

Na xornada deste mércores 15 de novembro participará o antigo alumno do máster en Prevención de Riscos Laborais e Riscos Comúns, Carlos Castro Mera, quen afondará nos riscos de descontaminación por axentes químicos, biolóxicos e radioactivos. O seu traballo fin de máster foi dirixido polos profesores da Facultade de Ciencias do Traballo, María Elisa Beceiro González e Fernando Francisco Avecilla Porto. Desde hai máis de cinco anos, Castro Mera ocupa o posto de oficial xefe da Área de Intervención Operativa no SEPEIS do Concello de Narón.

A continuación, falará o graduado en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto, Javier Vázquez Jorge, quen falará sobre os novos conceptos de deseño para unha flota de vehículos urbanos adaptados para o reparto. O traballo fin de grado foi titorizado polo profesor e director da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), José Ramón Méndez Salgueiro. Na actualidade, Vázquez Jorge traballa como responsable de Produto no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG).

A última das intervencións da xornada virá da man da graduada en Enfermaría, Andrea Caamaño Velo, quen analizará as demandas emocionais de coidado en enfermeiras noveis. O seu traballo foi dirixido polas profesoras da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, María Jesús Movilla Fernández e Sara Fernández Basanta. A día de hoxe, Caamaño Velo traballa no servizo de quirófano do Hospital Virxe da Xunqueira de Cee.

 

De esquerda a dereita, Carlos Castro Mera, Javier Vázquez Jorge e Andrea Caamaño, quen presentarán os seus traballos de fin de grao e de máster mañá, mercores 15 de novembro, ás 19:00 horas, no Salón de Actos do Ateneo Ferrolán.
De esquerda a dereita, Carlos Castro Mera, Javier Vázquez Jorge e Andrea Caamaño, quen presentarán os seus traballos de fin de grao e de máster mañá, mercores 15 de novembro, ás 19:00 horas, no Salón de Actos do Ateneo Ferrolán.

 

Cartel promocional das xornadas de presentación dos traballos de fin de grao e de máster defendidos no Campus Industrial da Universidade da Coruña nos últimos cursos académicos.
Cartel promocional das xornadas de presentación dos traballos de fin de grao e de máster defendidos no Campus Industrial da Universidade da Coruña nos últimos cursos académicos.