O Campus Industrial da Universidade da Coruña consegue a renovación da súa acreditación como campus de especialización excelente pola Xunta de Galicia

Ferrol, 18 de decembro de 2023.- A sala de conferencias do Edificio de Batallóns do Campus de Ferrol acollerá mañá, martes, 19 de decembro, ás 10:30 horas o acto de presentación da renovación da acreditación do Campus Industrial da Universidade da Coruña como campus de especialización excelente.

Ao acto asistirá o reitor, Julio Abalde, o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, a vicerreitora do Campus de Ferrol, María Jesús Movilla, e a directora do Campus Industrial, Ana Ares.

O Campus Industrial someteuse a un rigoroso proceso de avaliación, primeiro polo departamento da Xunta de Galicia e, posteriormente,  por un comité avaliador externo. A acreditación acadada agora ten unha validez por catro anos.

O Campus de Ferrol foi en 2021 o primeiro campus con especialización acreditada de todo o Sistema Universitario Español, e é o primeiro tamén centrado na industrial naval. O proxecto da UDC de Campus Industrial, iniciado en 2015, está enfocado ao sector naval, oceánico e industrial. A acreditación supuxo a potenciación das súas estruturas de investigación e o estreitamento de relacións coas empresas da contorna, así como a implantación de novas titulacións, algunhas delas pioneiras no Sistema Universitario Galego como o Grao en Xestión Industrial da Moda, primeiro multilingüe en inglés, o Grao Dual en Enxeñaría Eléctrica, primeira oferta dual universitaria en Galicia, ou o Grao Aberto en Enxeñaría Industrial.