O Campus Industrial de Ferrol acolle a próxima semana unha xornada sobre moda sostible e deseño upcycling dirixida a toda a comunidade universitaria

Ferrol, 17 de outubro de 2022.- A Aula Magna da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolle, o vindeiro luns 24 de outubro, a partires das 13:00 horas, a xornada “Moda Sostible e Deseño Upcycling” que promove a profesora do grao en Xestión Industrial da Moda, Patricia Muñiz, no marco da IX Convocatoria de Accións de EpD, Sensibilización e Participación que convoca a Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) da Universidade da Coruña.

O programa da xornada inclúe a conferencia da socia fundadora da cooperativa AltrapoLab, Zaloa Basaldua, un debate sobre a reciclaxe téxtil como vía de inclusión sociolaboral no que participan os estudantes do grao en Xestión Industrial da Moda, Noa García González, Magdalena Rodríguez Tomé, Daniel Mirás Quintas e Manuel Sánchez Rodríguez, así como un obradoiro de upcycling no que o público participante lle dará unha segunda oportunidade á roupa e aos zapados depositados na rede de contedores que Cáritas Diocesana Mondoñedo Ferrol e a cooperativa Koopera teñen situados en Cariño, As Pontes e Ferrol. Os traballos realizados no marco do obradoiro de upcycling que terá lugar os días 24 e 25 poderán visitarse ata o vindeiro venres 28 de outubro na Sala de Exposicións do Centro Cultural Universitario do Campus Industrial de Ferrol.

Para participar no obradoiro de upcycling cómpre reservar praza enviando un email a patricia.muniz@udc.es antes das 14:00 horas do venres 20 de outubro. A asistencia á conferencia e ao debate é libre ata completar o aforo.

Alumnado do grao en Xestión Industrial da Moda diante da Facultade de Humanidades e Documentación, centro no que se imparte a titulación.
Alumnado do grao en Xestión Industrial da Moda diante da Facultade de Humanidades e Documentación, centro no que se imparte a titulación.