Ferrol, 2 de maio de 2025.- O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, o vindeiro mércores 7 de maio, ás 10:00 horas, a terceira edición da xornada The Future of Fashion Talent: O Talento na cadea de valor que organiza o xornal líder en información económica do negocio da moda, Modaes, en colaboración do Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC) e co apoio de COINTEGA – Clúster Gallego Textil Moda e máis do Concello de Ferrol.
O programa da xornada inclúe dous relatorios e dúas mesas redondas. A primeira das conferencias correrá a cargo do persoal de Recursos Humanos de Inditex e a segunda levará por título “Deseño: o novo rol creativo”. No que atinxe ás mesas redondas, na primeira delas, “Loxística, Operacións e Finanzas: a defensa da moda”, intervirán a analista de Produto en Calvin Klein, Ana María García; a International Product Manager & Commercial Controller RTW man en Sociedad Textil Lonia, Paula del Carmen López; a directora de Manpower Business Professionals en Manpower España, Beatriz Duarte; e a profesora da Universidade da Coruña (UDC), Ariadna Monje.
Pola súa banda, na segunda mesa redonda, “Retail: os goleadores da moda”, participarán o director de expansión de Flabelus, Domingo Barrachina; o cofundador de elPulpo, José Antonio Chacón; a directora de Recursos Humanos en Jose Luis Joyerías, Sandra Mosquera; o presidente de COINTEGA – Clúster Gallego Textil Moda e propietario de El Niño, Javier Guerra; xunto co coordinador do grao en Xestión Industrial da Moda – titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación-, Manuel Escourido.
O alumnado e demais membros da comunidade universitaria, así como as empresas e público xeral interesado en asistir, de xeito presencial, á terceira xornada The Future of Fashion Talent: O Talento na cadea de valor, terán que inscribirse antes das 14:00 horas do martes 6 de maio na páxina web www.thefutureoffashiontalent.com. Con todo, o evento poderá seguirse en directo a través da home de modaes.
Proxección do documental Coordenadas: Pasado, Presente e Futuro da Moda Española
Como actividade complementaria á terceira xornada The Future of Fashion Talent: O Talento na cadea de valor, o Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, acolle, o martes 6 de maio, ás 18:00 horas, o documental “Coordenadas: Pasado, Presente e Futuro da Moda Española”, un proxecto audiovisual e xornalístico que recolle o testemuño de persoas expertas da industria da moda a nivel nacional como poden ser os fundadores de Desigual, Adolfo Domínguez, Roberto Verino ou Ágata Ruíz de la Prada, así como executivos e executivas de compañías como Tendam, Awwg ou Tous.
Ao seu remate terá lugar una mesa redonda de debate na que participarán a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; a fundadora de Modaes, Pilar Riaño; o fundador de Alba Conde, José Antonio Conde; a coordinadora do máster en Tecnoloxía Téxil e Moda Sostible – titulación que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF)-, Elena Arce; e a profesora do grao en Xestión Industrial da Moda, Vanessa Mato.
