Ferrol, 30 de abril de 2025.- A Sala de Xuntas da Vicerreitoría do Campus de Ferrol acolleu este mércores a última reunión de traballo Proxecto Europeo Erasmus+ Creative Engineering (CEDE) no que participa persoal docente vinculado a campus non centrais da Slovak University of Agriculture de Nitra (Eslovaquia), da Kocatürk Danismanlik de Adana (Turquía), da Università degli Studi del Molise de Campobasso (Italia), da University of Diethnes Panepistimio Ellados de Thermi (Grecia) e da Universidade da Coruña (España).
Contribuír ao desenvolvemento das habilidades creativas do estudantado das titulacións universitarias de enxeñaría e potenciar entre estes mozos e mozas outras destrezas clave como poden ser a resolución de problemas ou o pensamento crítico. Este é o principal obxectivo dunha iniciativa de innovación docente que lidera, en representación da Universidade da Coruña (UDC), a profesora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, e na que colabora persoal docente vinculado á Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) e á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).
A súa primeira tarefa foi a de elaborar un informe comparativo no que se examinou o tratamento da creatividade, tanto nas facultades como nas escolas de enxeñaría das universidades implicadas no proxecto, así como noutras universidades dos países participantes. No proxecto tamén se inclúe o deseño dunha plataforma de aprendizaxe electrónica e dun módulo de pensamento creativo que corresponde ao paquete de traballo asignado ao profesorado da UDC, dirixido ao alumnado das titulacións de enxeñaría de toda Europa, co obxectivo de mellorar as súas habilidades creativas.
Botando man da experiencia adquirida ao longo de todos estes anos e baseándose nos exemplos de boas prácticas levadas na EUDI, onde o alumnado desenvolve proxectos con empresas vinculados a materias desde os primeiro cursos, e na EPEF, un centro no que o estudantado está moi involucrado en proxectos interdisciplinares, deseñaron cinco módulos formativos para incorporar nos plans de estudo das distintas titulacións de enxeñaría en toda Europa.
Na reunión de traballo que tivo lugar este mércores no Campus Industrial de Ferrol, a última deste proxecto europeo, todas as universidades socias presentaron e actualizaron as tarefas encomendadas no marco do seu paquete de traballo. Deste xeito, revisouse o informe financeiro do proxecto, repasáronse as actas das reunións que tiveron lugar previamente en Grecia, Eslovaquia, Italia e máis en Turquía, presentáronse os informes comparativos nos que se analizou o tratamento da creatividade en distintos centros formativos de Europa, así como os módulos formativos e a plataforma de aprendizaxe electrónica deseñada, entre outros asuntos.
