Ferrol, 7 de abril de 2025.- O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, este mércores 9 de abril, de 10:00 a 13:30 horas, as xornadas “O Traballo Informal en España: Realidade, Impacto e Desafíos” que organiza o Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL) xunto coa Universidade da Coruña (UDC), baixo a dirección da presidenta deste órgano de diálogo institucional entre os distintos axentes sociais galegos, Antía Sández, e máis da profesora da Facultade de Ciencias do Traballo, Asunción L. Arranz.
Entre as persoas convidadas a participar nestas xornadas está a maxistrada da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Raquel Naveiro, o inspector de Traballo e Seguridade Social, Javier Fernández, e o catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo (UVigo), Jaime Cabeza. O programa do evento inclúe tamén unha mesa de debate sobre a realidade do traballo informal na que intervirán representantes da CIG, de UGT- Galicia, do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, así como da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).
Ao longo da xornada, este grupo de persoas expertas analizarán e debaterán sobre o traballo informal, entendido como aquel traballo realizado á marxe da normativa laboral e fiscal. Ou o que é o mesmo, traballos realizados sen un contrato rexistrado oficialmente, sen dereitos laborais nin protección social e que non contribúen fiscalmente ao país. Segundo a Organización Internacional do Traballo (OIT) a economía somerxida en España representa entre o 16% e o 25% do seu Produto Interior Bruto (PIB).
As persoas interesadas en participar nestas xornadas sobre a realidade, o impacto e os desafíos do traballo informal terán que inscribirse enviando un correo electrónico cos seus datos persoais a formacion.cgrl@xunta.gal antes das 14:00 horas do martes 8 de abril. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.