O Campus Industrial de Ferrol acolle este venres 1 de decembro un obradoiro exprés sobre Instagram e Canva dirixido a toda a comunidade universitaria

Ferrol, 29 de novembro de 2023.- A Aula 2B do Edificio de Batallóns acolle este venres, 1 de decembro, ás 11:00 horas, un obradoiro exprés sobre o uso e o aproveitamento da rede social Instagram e da web de deseño gráfico e composición de imaxes Canva nos eidos da docencia e da investigación. A alumna do programa de Doutoramento en Enxeñaría Naval e Industrial da Universidade da Coruña, Isabel Robalo Cabrera, será a encargada de impartir esta formación, botando man da súa experiencia como xestora das redes sociais do Colexio de Peritos e Enxeñeiros Técnicos de Almería.

A profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e investigadora individual do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), Laura Castro Santos, promove esta formación exprés dirixida ao persoal docente e investigador do Campus Industrial de Ferrol e aberta ao resto da comunidade universitaria. As persoas interesadas en participar nesta actividade terán que inscribirse enviando un correo electrónico cos seus datos persoais a isabel.robalo.cabrera@udc.es antes das 14:00 horas do xoves 30 de novembro. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

 

Cartel do obradoiro exprés sobre o uso e aproveitamento de Instagram e Canva
Cartel do obradoiro exprés sobre o uso e aproveitamento de Instagram e Canva