Ferrol, 19 de setembro de 2024.- A decana da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, Manuela del Pilar Santos, e o organizador das Xornadas “Ex Oriente Lux”, o profesor da Universidade da Coruña, Juan Luis Montero Fenollós, inauguran mañá, venres 20 de setembro, ás 09:15 horas, no Salón de Graos do centro, a cuarta edición dun evento que xirará arredor da arqueoloxía no Próximo Oriente. Un ano máis, estas xornadas servirán para homenaxear ao investigador francés Jean Claude Margueron, un referente internacional no eido da arqueoloxía, falecido en abril de 2023.
O programa desta edición inclúe a intervención do profesor da Universidad Pontificia de Comillas (UPC), Jaime Vázquez Allegue, quen falará sobre Babilonia, o exilio e a Biblia hebrea. Tamén intervirá nas Xornadas “Ex Oriente Lux” a investigadora da Sociedade Luso-Galega de Estudos Mesopotámicos (SLGEM), Lucía Brage Martínez, cun relatorio sobre Joaquín González Echegaray, a quen define como un “home de Deus ao servizo da arqueoloxía de Próximo Oriente”. Pola súa banda, o profesor de Historia Antiga na Facultade de Humanidades e Documentación, Juan Luis Montero Fenollós, falará sobre a reanudación das escavacións no xacemento de Khorsabad (Iraq) e máis sobre o patrimonio palestino.
As cuartas xornadas “Ex Oriente Lux” están organizadas pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial Concello de Ferrol – Universidade da Coruña e máis pola Sociedade Luso-Galega de Estudos Mesopotámicos (SLGEM) en colaboración coa Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol.