O Campus Industrial de Ferrol acolle este xoves e venres na Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol a segunda edición do hackathon Navantia Next Pioneers

Un reto real plantexado por Navantia e 24 horas para atopar unha solución innovadora. Este é o desafío ao que se enfrontan os preto de 40 estudantes de cuarto curso, Traballo de Fin de Grao ou de máster das titulacións que se imparten na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), inscritos no hackathon Navantia Next Pioneers que dará comezo ás 16:00 horas do xoves 21 de abril na EPEF.

O evento preséntase como unha oportunidade única para innovar, crear, aprender, colaborar e demostrar talento. Navantia e o Campus Industrial da Universidade da Coruña en colaboración coa EPEF presentan un espazo no que experimentar coa transformación dixital e as SmartTech. Ao longo das 24 horas que dura este hackathon, as persoas participantes, divididas en pequenos equipos de non máis de cinco persoas, contarán co apoio de profesionais do sector naval e da enxeñería, para acadar a resolución do reto. Será un xurado profesional conformado por persoal de Navantia e a dirección da EPEF quen seleccione ao equipo gañador e os seus integrantes recibirán cadanseu cheque por valor de 150 euros.