O Campus Industrial de Ferrol acolle mañá unha xornada sobre Iberoamérica e o diálogo Oriente-Occidente organizada en colaboración co IGADI e Casa Asia

Ferrol, 9 de novembro de 2023.- O alcalde do Concello de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre; o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), Daniel González Palau; e a directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares Pernas; inauguran mañá, venres 10 de novembro, ás 10:00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, as xornadas “Ferrol no mundo do Século XXI: Iberoamérica e o diálogo Oriente-Occidente”.

O programa destas xornadas, organizadas polo IGADI e máis polo Campus Industrial da Universidade da Coruña en colaboración co organismo de diplomacia pública Casa Asia, inclúe unha primeira sesión de divulgación titulada “O diálogo iberoamericano con China” na que intervirán a directora do Observatorio da Política China do IGADI, Raquel Isamara León de la Rosa; e o investigador do Real Instituto Elcano e profesor do IE School of Politics, Economics and Global Affairs, Miguel Otero. A mesa estará presentada e moderada polo director xeral do organismo de diplomacia pública Casa Asia, Javier Parrondo.

Na segunda sesión, titulada “As universidades na Axenda 2030: Alianzas para o coñecemento, a paz e a prosperidade. O Campus Industrial de Ferrol nas relacións universitarias España- China”, participarán o director da Academia de Gobernanza Global e Estudos de Área da Universidade Tecnolóxica de Guandong, Pan Zhen; o investigador do Grupo de Propiedades Térmicas e Reolóxicas (PROTERM) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (Citeni) da Universidade da Coruña, Ramón Artiaga; a integrante do Grupo de Investigación Sinoloxía Española Complutense da Universidade Complutense de Madrid, Luo Huiling; o presidente da Fundación Qili Fundazioa, Andrés Herrera-Feligreras; e o director do IGADI, Daniel González Palau. A mesa, que terá varias intervencións en liña, estará presentada e moderada polo coordinador do grao en Relacións Internacionais, Félix Puime Guillén.

A maiores, cómpre sinalar que o evento estará presentado polo xornalista da CRTVG, Tino Santiago, quen está especializado na cobertura de información política e económica a nivel internacional. No acto de clausura está previsto que interveñan o director xeral do organismo de diplomacia pública Casa Asia, Javier Parrondo; e a vicedirectora do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), Mariola Padín Novas.

Colaboración coa Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña (UDC) e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) asinaron en decembro de 2022 un Convenio de Colaboración que atinxe ámbitos variados no eido da internacionalización de interese común para as dúas entidades enfocando a súa atención no traballo do Observatorio da Política China (OPCh).

Desde este curso 2023/24, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) dispón dun espazo de seu no Edificio de Apoio ao Estudo. Deste xeito, a asociación de estudos internacionais pon ao dispor de todo o alumnado e profesorado do Campus Industrial de Ferrol e, en especial, do estudantado do grao en Relacións Internacionais que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación, un amplo fondo bibliográfico de publicacións especializadas.

Cartel promocional xornadas “Ferrol no mundo do Século XXI: Iberoamérica e o diálogo Oriente-Occidente” que terá lugar mañá, venres 10 de novembro, ás 10:00 horas, na Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol.
Cartel promocional xornadas “Ferrol no mundo do Século XXI: Iberoamérica e o diálogo Oriente-Occidente” que terá lugar mañá, venres 10 de novembro, ás 10:00 horas, na Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol.