Ferrol, 10 de novembro de 2023.- A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla Fernández, a concelleira delegada especial de Política Social e Inclusión, Rosa María Martínez Beceiro, e o vogal do Padroado da Fundación Ingada, Esteban López Reynoso, inauguran mañá, sábado 11 de novembro, ás 09:00 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, as xornadas sobre o Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) que organiza a Fundación INGADA en colaboración co Concello de Ferrol.
O programa das xornadas inclúe a intervención da médico de familia e vicepresidenta da Fundación Ingada, Elvira Ferrer Vázquez, quen realizará unha aproximación ao TDAH. A continuación, a tamén médico de familia Ángeles Varela Calvo afondará no seu diagnóstico e tratamento. Pola súa banda, a orientadora escolar e psicopedagoga Marta Fariña Gato analizará os procesos de intervención nos centros de ensino e as psicólogas sanitarias Claudia Balado Alves e Ana Fátima Gómez Suárez achegaranse ás actuacións previstas nos programas de intervención familiar e ao Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade en idade adulta, respectivamente.
Ao acto de clausura está previsto que asista o alcalde do Concello de Ferrol, José Manuel Rey Varela.