Ferrol, 9 de xuño de 2025.- O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, este xoves 12 de xuño, a partires das 10:00 horas, o acto de recoñecemento a todas as persoas e entidades que teñen colaborado, ao longo destes últimos 10 anos, a través da Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) e do Centro Universitario de Formación e Innovación Docente (CUFIE) da Universidade da Coruña (UDC), nos chamados Proxectos de Aprendizaxe e Servizo (ApS), unha metodoloxía docente que integra nunha mesma proposta formativa a aprendizaxe académica xunto coa prestación dun servizo á comunidade.
Tal e como explica a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, ao longo deste tempo, a Universidade da Coruña (UDC) desenvolveu “un extenso e diverso conxunto de proxectos de Aprendizaxe e Servizo (ApS) integrando o compromiso social coa formación académica”. Nesta liña, destaca que, nos últimos 10 anos, a institución herculina puxo en marcha, tanto no Campus da Coruña coma no Campus Industrial de Ferrol, un total de 268 proxectos, implicando a 8.681 estudantes, a 235 profesores e profesoras e a 159 entidades.
No eido da Enxeñaría e da Arquitectura, Ana Ares salienta a aplicación do coñecemento técnico para a resolución de problemas reais como poden ser o deseño de ferramentas para colectivos vulnerables, o desenvolvemento de software para ONGs, a impresión 3D con fins sociais, a posta en marcha de proxectos ambientais como a rexeñeración do litoral ou mesmo a reciclaxe de materiais. Pola súa banda, na área de coñecemento das Ciencias Sociais e Xurídicas pon en valor as experiencias interxeracionais, de memoria colectiva, as vinculadas coa economía sustentable, coa moda circular, coa comunicación solidaria ou coa igualdade de xénero no ámbito educativo e audiovisual.
Os proxectos desenvolvidos no ámbito das Ciencias da Saúde centráronse, en palabras da vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, na mellora da calidade de vida de colectivos vulnerables botando man das intervencións fisioterapéuticas, terapias ocupacionais ou podolóxicas, así como a posta en marcha de proxectos de inclusión a través do deporte, do xogo ou mesmo da música. Na área das Ciencias, Ana Ares subliña a posta en marcha de actividades de sensibilización e educación ambiental tales como a análise da contaminación por microplásticos, a conservación de ecosistemas fluviais ou mesmo o control de especies invasoras.
Por último, no eido das Artes e das Humanidades, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, destaca a creación de plataformas web para asociacións veciñais, así como proxectos que poñen en valor a memoria oral, a literatura ou a diversidade cultural e lingüística.
Unha exposición con preto de 100 pósters e unha feira na que participan 17 entidades
O programa do acto conmemorativo do 10º Aniversario dos Proxectos de Aprendizaxe e Servizo (ApS) na Universidade da Coruña (UDC) inclúe, a partires das 10:15 horas, a conferencia da vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, titulada “10 anos de Aprendizaxe e Servizo na UDC” e a posterior proxección do vídeo “10º aniversario da ApS na UDC”, elaborado polo persoal do Centro Universitario de Formación e Innovación Docente (CUFIE).
Ás 11:00 horas, as autoridades e persoas asistentes trasladaranse ata a Sala de Exposicións do Centro Cultural Universitario do Campus Industrial de Ferrol para visitar os preto de 100 pósters nos que se recollen algúns dos proxectos de Aprendizaxe e Servizo (ApS) levados a cabo durante os últimos 10 anos na Universidade da Coruña (UDC) nas áreas de coñecemento de Arquitectura e Enxeñaría, de Ciencias, de Ciencias da Saúde, de Ciencias Sociais e Xurídicas ou na das Artes e das Humanidades.
Pola súa banda, a Feira de Entidades inaugurarase ás 12:30 horas. Varias carpas situadas na praza que hai diante da Facultade de Humanidades e Documentación acollerán un total de 17 mesas informativas nas que Acougo, ASCM Galicia, Aspanaes, Betula – Custodia do Bosque Atlántico (Maniños – Fene), Cogami, Dignidad Galicia – Ferrol, a Fundación Enki, EuroEume, a Fundación ONCE, Xanela, Mundo Sen Guerras, Amnistía Internacional, Cruz Vermella, Enxeñaría Sen Fronteiras Galicia (ESF), Campaña Mundial pola Educación e Manos Unidas darán a coñecer o seu labor entre a comunidade universitaria.
Xa por último, ás 13:30 horas, terá lugar o acto de entrega dos IV Premios a Proxectos de Innovación Docente en Aprendizaxe e Servizo (ApS) da Universidade da Coruña (UDC).
A xornada estará amenizada polas actuacións de Lara de la Iglesia, voz do Coro Toxos e Froles de Ferrol, e do acordeonista Joaquín Enríquez, quen intepretarán “Lela”, a da moza ucraína Solomiia Savchuk, así como pola da finalista do Talentiño, na categoría “Vocalistas”, Sabela Castro, e máis pola gañadora do segundo premio deste mesmo concurso xuvenil impulsado polo Concello de Ferrol, na categoría de “Instrumentalista”, Xiana Ruíz.
