Ferrol, 6 de xuño de 2025.- O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolleu este venres o evento final do Proxecto Europeo Erasmus+ AIM@VET “Artificial Intelligence learning modules to adapt VET to the digital transformation of the labour market” que lidera, en representación da Universidade da Coruña (UDC), o profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Abraham Prieto.
Ao longo da xornada, presentáronse os principais resultados dun proxecto de innovación docente que pretende integrar os fundamentos da Intelixencia Artificial (IA) no currículo das escolas ou centros de Formación Profesional de toda Europa. No evento, participaron preto de 120 persoas, principalmente estudantes de 4º da ESO do IES As Telleiras de Narón, do IES de Fene e máis do CPI A Xunqueira.
Con todo, tamén se sumou a esta xornada divulgativa persoal docente e investigador vinculado á Universidade de Liubliana (Eslovenia), á Universidade do Miño (Portugal) e á propia Universidade da Coruña (España), así como diverso profesorado do centro de Formación Profesional de Velenje (Eslovenia), do Centro Integrado de Formación Profesional Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol (España) e máis do centro de Formación Profesional de Caldas de Taipas (Portugal).
O programa deste último evento final incluíu a conferencia do investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC), Fran Bellas, unha visita guiada á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e outra ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), situado tamén no campus ferrolán.
O Proxecto Europeo Erasmus+ AIM@VET “Artificial Intelligence learning modules to adapt VET to the digital transformation of the labour market”
No Proxecto Europeo Erasmus+ AIM@VET “Artificial Intelligence learning modules to adapt VET to the digital transformation of the labour market” están a participar persoas expertas en Intelixencia Artificial (IA) vinculadas á Universidade de Liubliana en Eslovenia, á Universidade da Coruña en España e á Universidade do Miño en Portugal. Do mesmo xeito, tamén colabora nesta iniciativa de innovación docente o profesorado e alumnado do centro de Formación Profesional de Velenje (Eslovenia), do Centro Integrado de Formación Profesional Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol (España) e máis do centro de Formación Profesional de Caldas de Taipas (Portugal).
A proposta de plan de estudos que se está a deseñar de xeito conxunto entre as tres universidades e os tres centros de Formación Profesional europeos implicados distribúese en tres bloques ben diferenciados nos que se traballaron contidos relacionados coa robótica, a visión artificial e coa intelixencia ambiental. A Universidade da Coruña (UDC) e o Centro Integrado de Formación Profesional Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol centraron os seus esforzos no bloque de robótica.
Así, o coordinador do Proxecto Europeo Erasmus+ AIM@VET, Abraham Prieto García, xunto con profesorado do Campus Industrial de Ferrol, botou man da aprendizaxe baseada en proxectos e convidou ao persoal docente e ao alumnado do Ciclo Superior de Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma e máis do Ciclo Superior de Administración de Sistemas Informáticos en Rede deste centro formativo ferrolán a participar activamente na planificación, execución e avaliación deste proxecto europeo.
Ao remate do proxecto, previsto para o vindeiro mes de xullo, a Universidade da Coruña (UDC) entregará un currículo que inclúe unha serie guías dixitais dirixidas ao profesorado e ao alumnado de Formación Profesional nas que figurarán unha ducia de unidades didácticas que incluirán fundamentos conceptuais ou propostas de actividades.
O proxecto AIM@VET “Artificial Intelligence learning modules to adapt VET to the digital transformation of the labour market” está financiado pola Unión Europea e conta cun orzamento de 400.000 euros. A Universidade da Coruña (UDC) dispuxo de 93.000 euros para levar a cabo os traballos de coordinación, a elaboración e o testeo das unidades nos centros formativos así como a diseminación dos resultados e actividades no marco da comunidade educativa de referencia.
