Ferrol, 7 de marzo de 2026.- O académico e exdirector da Real Academia Española (RAE), Darío Villanueva, será o protagonista, o próximo martes 14 de abril, ás 19:00 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, da cuarta sesión dos “Faladoiros Literarios”, un ciclo de conversas promovido polo Concello de Ferrol en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC).
Darío Villanueva (Vilalba, Lugo – 1950) foi elixido académico de número en 2007 e ingresou na Real Academia Española (RAE) en 2008. Foi director desta institución desde 2015 ata 2019 e estivo á fronte da súa Secretaría desde 2010 ata 2015. Ademais, foi membro nato do Consejo de Estado entre 2015 e 2020.
Este filólogo e escritor lucense é licenciado en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e doutor en Filoloxía Hispánica pola Universidad Autónoma de Madrid (UAM). Foi reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) entre 1994 e 2002 e, previamente, decano da súa Facultade de Filoloxía, de 1987 a 1990. Desde o ano 2020, é profesor emérito da institución compostelá e, na actualidade, preside o patronato da Universidad de Nebrija. A maiores, cómpre sinalar que foi nomeado doutor honoris causa por catorce universidades de Europa, América e de Asia.
Ao longo dos últimos 50 anos, Darío Villanueva ten escrito en numerosas publicacións xeneralistas e especializadas, destacando o seu labor como crítico literario nos suplementos dos xornais ABC e El Mundo. Entre as súas últimas publicacións destaca Morderse la lengua. Correción política y posverdad (Espasa, 2021), premio ao libro do ano concedido pola Fundación Francisco Umbral, Poderes de la palabra (Galaxia Gutenberg, 2023) e El atropello a la Razón (Espasa, 2024), primeiro premio de ensaio concedido polas Reales Sociedades Económicas de Amigos del País.
Precisamente o seu último ensaio, El atropello a la Razón (Espasa, 2024), será o protagonista do faladoiro que acollerá, a próxima semana, o Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, da man do xornalista da Cadena Ser Ferrol, Raúl Salgado. Esta obra é, segundo indican desde a súa propia editorial, “unha crítica intelixente, mordaz e reveladora da sinrazón do mundo no que vivimos”.
Este novo faladoiro está aberto a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado. As persoas que desexen asistir deberán inscribirse, de xeito totalmente gratuíto, enviando un correo electrónico a vcfrs@udc.gal ou ben chamando ao 881 01 3800 antes das 14:00 horas do luns 13 de abril.
