O Campus Industrial de Ferrol acolle, o xoves 7 de maio, unha xornada de promoción da saúde mental aberta a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado

Ferrol, 29 de abril de 2026.- A Aula Magna da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolle, o próximo xoves 7 de maio, a partires das 09:30 horas, o Festival Afrontemos. Unha xornada de promoción da saúde mental que organiza o Programa Afrontemos, impulsado desde a Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF), adscrita á Facultade de Enfermaría e Podoloxía, baixo a dirección do profesor da Universidade da Coruña (UDC), Valentín Escudero.

O programa desta xornada de concienciación e de promoción da saúde mental presenta unha primeira conferencia, prevista para as 09:45 horas, titulada “Por que non me fai caso o meu cerebro” e impartida polo director do Programa Afrontemos e profesor da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, Valentín Escudero. Ás 10:30 horas, terá lugar o segundo relatorio, “Afrontemos a conduta suicida”, da man do psicólogo clínico da Unidade de Prevención de Conduta Suicida do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) na Área Sanitaria de Vigo, José Eduardo Rodríguez.

A media mañá, a iso das 12:30 horas, terán lugar, de xeito simultáneo, tres obradoiros prácticos. O público asistente terá que elixir entre participar no obradoiro “Xestiona a ansiedade na túa vida cotiá”, impartido polas psicólogas Alicia Martínez e Julia Lodeiro, no obradoiro “Primeiros auxilios en saúde mental”, da man do psicólogo Carlos de Francisco, e no obradoiro “Relacións saudables: detecta e xestiona as relacións tóxicas”, impartido polas psicólogas Natalia García e Antía Vázquez.

Un obradoiro activo de percusión, a proxección da curtametraxe “O Corpo de Cristo” e a representación da obra de teatro “Mama Cora”

Xa pola tarde, a partires das 16:00 horas, o Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, acollerá o obradoiro “Cando o cerebro entra en ritmo”, impartido polo músico, formador e creador do Método Percuterapia, Pedro Campos. Tal e como indican desde a organización do Festival Afrontemos, estas sesións combinan dinámica grupal, secuenciación progresiva de patróns rítmicos e reflexión metacognitiva, favorecendo así a conciencia corporal, a cohesión grupal e a modulación do estrés.

Ás 18:00 horas, a historietista e ilustradora, gañadora do Premio Nacional de Cómic 2024 coa novela gráfica “O Corpo de Cristo”, Bea Lema, analizará o uso do bordado e da narrativa gráfica para tratar temas de saúde mental. Acto seguido, proxectarase a curtametraxe de animación “O Corpo de Cristo” (Uniko & Abano Producións).

Para rematar, ás 20:00 horas, terá lugar a representación a obra “Mama Cora” da man da compañía Opaí Teatro, con sede en Canido (Ferrol), así como un coloquio coa súa autora, Cristina Mariño.

O Festival Afrontemos está dirixido a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado. Todas aquelas persoas que queiran participar nesta xornada de concienciación e de promoción da saúde mental deberán inscribirse enviando un correo electrónico a vcfrs@udc.gal ou ben chamando ao 881 01 3800, antes das 14:00 horas do mércores 6 de maio.

Un servizo de investigación aplicada: atención gratuíta e especializada

A Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF), adscrita á Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol, é un Centro Sanitario autorizado polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) para os servizos de psicoloxía clínica e sanitaria.

O Programa Afrontemos é unha iniciativa de atención psicolóxica gratuíta dirixida a toda a comunidade universitaria e ás súas familias nada en 2021 como resposta da Universidade da Coruña (UDC) á crise sanitaria derivada da COVID-19.Desde os seus comezos, atendéronse a 538 persoas usuarias, o 53% en modalidade en liña, e o 47% restante, de forma presencial. O 93% son estudantes, o 4% PDI e o 3% PTXAS. A maior parte das persoas atendidas amosa un perfil de ansiedade clínica relacionada con situacións de crise. Ofrécense un total de seis sesións de terapia.

varias das persoas que integran o equipo de traballo do Programa Afrontemos, na sede da Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF), situada no Campus Industrial de Ferrol
varias das persoas que integran o equipo de traballo do Programa Afrontemos, na sede da Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF), situada no Campus Industrial de Ferrol

 

Valentín Escudero, director do Programa Afrontemos e da UIICF.
Valentín Escudero, director do Programa Afrontemos e da UIICF.