O Campus Industrial de Ferrol acolle, os días 16 e 17 de xullo, un dos congresos internacionais máis relevantes no eido da xestión de proxectos

Ferrol, 11 de xullo de 2025.- A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) acolle, os días 16 e 17 de xullo, o 29º Congreso Internacional de Dirección e Enxeñaría de Proxectos (CIDIP/ICPME), un dos encontros internacionais máis relevantes neste campo e que reunirá, no Campus Industrial de Ferrol, a persoal investigador, a profesionais e a persoas expertas procedentes de 15 países de América e de Europa. A profesora e investigadora da Universidade da Coruña (UDC), Pilar de la Cruz López, preside o Comité Organizador dun congreso internacional no que se presentarán máis de 205 comunicacións.

O programa do evento inclúe catro conferencias maxistrais, todas elas impartidas por referentes internacionais no eido da xestión de proxectos. O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acollerá, o mércores 16 de xullo, ás 13:00 horas, a conferencia inaugural do congreso da man do Project Succes Coach de TIME4PM, Peter Pürckhauer, titulada “Sustainability in Project Management: More success for all parties at stake!”. Pola súa banda, a conferencia de clausura, “Ships and Cyberthreats”, será impartida, neste mesmo espazo, o xoves 17 de xullo, ás 16:00 horas, polo Head of Defense de S2Grupo, Enrique Cubeiro.

As outras dúas conferencias maxistrais terán lugar na Room 1 da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da man do Segment Manager de Molins, David Rodríguez Cabaleiro, quen falará sobre as innovacións en morteiros MCI e membranas antirradón, e do Project Manager en Talgo, Francisco Calduch Cervera, quen analizará o Programa Intercity e o Proxecto DBS.

Un seminario internacional e un workshop para formar aos líderes do futuro

Como cada edición, o Congreso Internacional de Dirección e Enxeñaría de Proxectos (CIDIP/ICPME) acollerá o International Seminar on Project Management (ISoPM), “un bloque programático integramente en inglés que reforza a vocación global do evento”, tal e como salientan desde o Comité Organizador. Neste espazo, presentaranse traballos de alto nivel sobre enxeñaría, sustentabilidade, innovación, tecnoloxía e xestión de proxectos avanzada, cun claro enfoque multidisciplinar e internacional, baixo a dirección do vicepresidente da organización profesional sen ánimo de lucro AEIPRO-IPMA Spain e presidente de Spanish Certification Body (OCDP), Jesús Martínez-Almela.

A maiores, o mércores 16 de xullo, de 10:30 a 12:30 horas, terá lugar, tamén na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), o workshop “Escola de Embaixadores e Embaixadoras”, organizado por AEIPRO Joven e dirixido polo autor e fundador de Dashdot Publications e Buro Four, Tom Taylor. Esta actividade está orientada ao fortalecemento de competencias clave como o liderado, a colaboración e a resiliencia entre os profesionais máis novos e novas.

Do mesmo xeito, o programa do evento inclúe tres Panel Sessions nas que se falará sobre a Intelixencia Artificial (IA) e a dirección de proxectos, sobre a innovación e a sustentabilidade nos Sistemas Fotovoltaicos, así como sobre o BIM avanzado para a xestión sostible da contorna construída. Finalmente, as persoas participantes no evento realizarán cadansúa visita ás instalacións de Navantia e a Exponav. Ademais, o Parador de Ferrol acollerá a Gala de Entrega de Premios do congreso.

O 29º Congreso Internacional de Dirección e Enxeñaría de Proxectos (CIDIP/ICPME) está organizado pola Universidade da Coruña (UDC), a través da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), pola Fundación de Enxeñaría Civil de Galicia (FICG) e máis pola organización profesional sen ánimo de lucro AEIPRO-IPMA Spain.

no centro, a profesora e investigadora da Universidade da Coruña (UDC), Pilar de la Cruz López, xunto cos profesores e investigadores da institución herculina, Alfredo del Caño Gochi (esquerda) e Juan José Cartelle Barros (dereita), quen tamén forman parte do Comité Organizador do 29º Congreso Internacional de Dirección e Enxeñaría de Proxectos que terá lugar, os días 16 e 17 de xullo, no Campus Industrial de Ferrol.
no centro, a profesora e investigadora da Universidade da Coruña (UDC), Pilar de la Cruz López, xunto cos profesores e investigadores da institución herculina, Alfredo del Caño Gochi (esquerda) e Juan José Cartelle Barros (dereita), quen tamén forman parte do Comité Organizador do 29º Congreso Internacional de Dirección e Enxeñaría de Proxectos que terá lugar, os días 16 e 17 de xullo, no Campus Industrial de Ferrol.