O Campus Industrial de Ferrol acolle un ciclo de conferencias sobre a Automática e a IA ao longo deste mes de outubro

Ferrol, 9 de outubro de 2024.- O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, o vindeiro luns 14 de outubro, ás 11:30 horas, a primeira das conferencias do Ciclo “Auto-Sinerx-IA. A Automática e a Intelixencia Artificial como Ferramentas para os Desafíos da Industria e da Sociedade”, que organiza un grupo de profesores e profesoras do Departamento de Enxeñaría Industrial vinculados á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) grazas á convocatoria de axudas para a organización de xornadas divulgativas e ciclos de conferencias da Vicerreitoría de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña (UDC).

A catedrática da Área de Enxeñaría de Sistemas e Automática da Universidad Complutense de Madrid (UCM), Matilde Santos Peñas, impartirá, a vindeira semana, a primeira conferencia do ciclo, titulada “Como lle pode axudar a automática intelixente á sociedade?”. O xoves 24 de outubro terá lugar o segundo relatorio da man da catedrática de Enxeñaría de Sistemas e Automática da Universidad Carlos III de Madrid (UC3M), Concepción Alicia Monje Micharet, quen afondará nas oportunidades e nos retos da chamada robótica branda.

A catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña (UDC), Amparo Alonso Betanzos, falará, o luns 28 de outubro, sobre os mitos, as realidades e os desafíos éticos da Intelixencia Artificial. Por último, o catedrático de Informática e Automática da Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED), Sebastián Dormido Bencomo, pronunciará a conferencia “Realimentación: entre o natural e o artificial”.

O Ciclo “Auto-Sinerx-IA. A Automática e a Intelixencia Artificial como Ferramentas para os Desafíos da Industria e da Sociedade” está dirixido ao alumnado do Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e do Máster en Informática Industrial e Robótica, ambas as dúas, titulacións da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). Con todo, a actividade está aberta a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado. Máis información enviando un correo electrónico a esteban.jove@udc.es.

Inscrición – Ciclo “Auto-Sinerx-IA. A Automática e a Intelixencia Artificial como Ferramentas para os Desafíos da Industria e da Sociedade”

cartel promocional do Ciclo “Auto-Sinerx-IA. A Automática e a Intelixencia Artificial como Ferramentas para os Desafíos da Industria e da Sociedade” que organiza profesorado do Departamento de Enxeñaría Industrial ao longo deste mes de outubro no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol
cartel promocional do Ciclo “Auto-Sinerx-IA. A Automática e a Intelixencia Artificial como Ferramentas para os Desafíos da Industria e da Sociedade” que organiza profesorado do Departamento de Enxeñaría Industrial ao longo deste mes de outubro no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol