Ferrol, 14 de xaneiro de 2025.- Elaborar materiais educativos que aborden algúns dos principais retos da sustentabilidade e das finanzas persoais. Este é o desafío ao que se enfrontará o alumnado da Universidade da Coruña (UDC) no hackathon sobre finanzas persoais sostibles que se desenvolve no marco do Proxecto Europeo Erasmus+ ImpactFinance e que terá lugar, os días 28, 29 e 30 de xaneiro, na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol.
A xestión dos residuos urbanos, a alimentación sostible, o consumismo ou a capacidade de aforro da mocidade serán algúns dos temas nos que afonde o alumnado participante, dividido en grupos de non máis de 5 ou 6 persoas. Para acadar o seu obxectivo, o estudantado contará co apoio de persoas expertas no eido da consultoría, do sector financeiro e bancario, do ámbito da educación, do emprendemento ou da sustentabilidade.
O profesor da Facultade de Economía e Empresa, no Campus da Coruña, Joaquín Enríquez, quen tamén imparte docencia no Campus Industrial de Ferrol, concretamente na Facultade de Humanidades e Documentación e na de Ciencias do Traballo, será o encargado de coordinar unha actividade que levará ao equipo gañador ata a cidade grega de Tesalónica no mes de abril, onde presentará a súa proposta de material educativo xunto con outros estudantes de Chipre, Grecia e de Lituania.
O alumnado de grao, máster e de programas de doutoramento da Universidade da Coruña (UDC) interesado en participar neste hackathon sobre finanzas persoais sostibles deberá inscribirse, a través dun formulario web, antes das 15:00 horas do mércores 22 de xaneiro. Máis información, chamando ao 881 01 4415 ou ben enviando un correo electrónico a joaquin.enriquez@udc.es.
Explorando sinerxías entre a sustentabilidade e as finanzas da mocidade
Identificar e promover sinerxías entre a sustentabilidade e a educación financeira da mocidade para tratar de resolver os retos de benestar aos que se enfronta a sociedade actual. Este é o principal obxectivo do Proxecto Europeo Erasmus+ ImpactFinance que lidera, en representación da Universidade da Coruña (UDC), a profesora da Facultade de Economía e Empresa, Begoña Álvarez.
A organización Centre for Competence Development Cyprus (COMCY) de Chipre coordina unha iniciativa de innovación docente na que tamén participa a entidade social Infinity Greece de Grecia, a Vytauto Didžiojo Universitetas (VDU) de Lituania e a Universidade da Coruña (UDC) de España.
O Proxecto Europeo Erasmus+ ImpactFinance está financiado pola Comisión Europea (CE) e conta cun orzamento total de 120.000 euros. A Universidade da Coruña (UDC) dispón de 30.000 euros para levar a cabo a súa parte do proxecto, centrada na construción dunha percepción financeira unificada das finanzas persoais sostibles entre as organizacións, as institucións e os centros de educación superior que conforman o consorcio.
Acompañan a Begoña Álvarez neste proxecto os tamén profesores da Facultade de Economía e Empresa, Joaquín Enríquez, Dolores Lagoa, Susana Iglesias, Laura Varela e Andrea Teira, quen están a avanzar na medición do grao de alfabetización financeira sostible existente en Chipre, Grecia, Lituania e en España e na creación de materiais educativos que sirvan para fomentar unha educación financeira sostible, actualizada e baseada nas lagoas formativas detectadas no marco desta iniciativa de innovación docente.
Inscrición no Hackathon sobre Finanzas Persoais Sostibles – Proxecto Europeo Erasmus+ ImpactFinance
