Ferrol, 7 de marzo de 2023.- O Edificio de Apoio ao Estudo do Campus Industrial de Ferrol acolle, entre os días 14 e o 23 de marzo, en horario de 17:00 a 19:30 horas, o obradoiro de Iniciación á Agricultura Ecolóxica e á Compostaxe Descentralizada que promove a Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña en colaboración co Programa Green Campus Ferrol e que imparten varios integrantes da Asociación Cultural Picos do Sol.
A primeira parte deste obradoiro centrarase na agricultura ecolóxica achegando ao alumnado participante aos seus principios e características, ao deseño dunha horta comunitaria e á montaxe dun bancal. Pola súa banda, na segunda parte, o público asistente afondará na compostaxe doméstica e comunitaria e adquirirá os coñecementos básicos para a montaxe e o manexo dun composteiro.
Os membros da comunidade universitaria e/ou público xeral interesados en participar neste obradoiro deberán enviar un correo electrónico cos seus datos persoais a greencampus.ferrol@udc.gal antes das 14:00 horas do venres 10 de marzo. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Inscrición no obradoiro de Iniciación á Agricultura Ecolóxica e á Compostaxe Descentralizada