O Campus Industrial de Ferrol amosa todo o seu potencial innovador na décima edición da Maker Faire Galicia en Santiago de Compostela

Ferrol, 29 de xuño de 2024.- O Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña amosou todo o seu potencial innovador na última edición da Maker Faire Galicia, unha feira de tecnoloxía colaborativa que acolleu, este sábado 29 de xuño, de 10:00 a 20:00 horas, o centro comercial Área Central de Santiago de Compostela. Ao longo de toda a xornada, o público asistente á feira puido achegarse ata o stand da Universidade da Coruña para coñecer algúns dos proxectos nos que está a traballar o persoal investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI).

Deste xeito, o grupo de investigación en Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM) facilitou varios tecidos flexibles e un par de soletas personalizadas en impresión 3D. O Laboratorio de Enxeñaría Mecánica achegou a súa órtese activa para lesionados medulares e unha rótula para a simulación de movemento en artroplastia total no xeonllo. Pola súa banda, o Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL) contribuíu cunha mostra de fabricación, reparación e de mellora de pezas botando man da fabricación aditiva DED e o Laboratorio de Plásticos (LabPlast) cunhas pequenas pezas impresas con polímero e pousos de café.

Con motivo do seu décimo aniversario, a organización da Maker Faire Galicia programou tres xornadas independentes sendo a primeira a que tivo lugar, este sábado 29 de xuño, no centro comercial Área Central de Santiago de Compostela. A segunda está prevista para o 8 de novembro na sede da Fundación Laboral da Construción e a terceira, programada para o 13 de decembro, nas instalacións do Biopolo Sionlla. O programa desta primeira feira, titulada “Emprendemento e Innovación Social”, contou con charlas, obradoiros e presentacións de máis de 45 proxectos nas categorías de Minimakers, Makers, Divulgación e Innovación Social.

un bo número de familias pasaron polo stand da Universidade da Coruña na primeira das xornadas divulgativas da X edición da Maiker Faire Galicia que tivo lugar, este sábado 29 de xuño, no centro comercial Area Central de Santiago de Compostela
un bo número de familias pasaron polo stand da Universidade da Coruña na primeira das xornadas divulgativas da X edición da Maker Faire Galicia que tivo lugar, este sábado 29 de xuño, no centro comercial Area Central de Santiago de Compostela