Ferrol, 25 de xaneiro de 2024.- O Pavillón Polideportivo do Milladoiro acolle mañá, venres 26 de xaneiro, de 10:00 a 19:00 horas, a terceira edición da Xornada de Innovación e Movemento Maker (InnovAmes) que terá á Intelixencia Artificial (IA) como fío condutor indiscutible e que organiza o Concello de Ames xunto coa Maker Faire Galicia. A Universidade da Coruña contará, ao longo de toda a xornada, cun stand de seu no que amosará todo o potencial do Campus Industrial de Ferrol.
Pola mañá, o alumno do Programa de Doutoramento en Enxeñaría Naval e Industrial, David Sánchez Canzobre, achegarase ata o stand da Universidade da Coruña para amosar os seus avances nunha tese centrada no deseño dun sistema de videoxilancia de baixo custo para supervisar ás persoas maiores e/ou dependentes botando man da visión artificial. O investigador, contratado ao abeiro do Programa de Axudas para cursar o Doutoramento Industrial impulsado polo Campus Industrial da Universidade da Coruña, está a realizar este proxecto en colaboración co Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e máis coa empresa Anta Norte.
Está previsto que ás 13:00 horas, o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez González, interveña nunha rolda de presentacións breves, achegando ao público asistente á xornada ao que é o primeiro campus con especialización acreditada de todo o sistema universitario español e tamén o primeiro centrado no eido da industrial naval. Desde o seu nacemento, en 2015, o Campus Industrial de Ferrol basea a súa especialización en cinco liñas estratéxicas como son a robótica, os materiais, a optimización de procesos, a enxeñaría naval e offshore e a xestión industrial e o desenvolvemento do produto. Logo da súa reacreditación en 2023 de cara aos catro próximos anos, deberá incorporar novas liñas de investigación vinculadas aos eidos da enxeñaría eléctrica e electrónica, das telecomunicacións e da informática, así como liderar a investigación a nivel nacional no campo da enxeñaría aditiva e da fabricación 4.0.
Videoxogos nados na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol como traballo final de máster
Xa pola tarde, a partires das 16:30 horas, achegarase ata o stand da Universidade da Coruña unha representación do alumnado do segundo curso do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, quen amosará as demos dos dous proxectos que están a crear como traballo final desta titulación que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).
Deste xeito, o público asistente á III Xornada de Innovación Movemento Maker (InnovAmes) poderá probar e testar What the Hell, un xogo de desprazamento lateral con elementos de plataformas, acción 2.5D e puzzles ambientado nos infernos de Dante. Detrás deste proxecto están o estudantes do Campus Industrial de Ferrol Miguel González, Manuel Veiga, Lara Fernández, Natalia Froiz, Alberto Tajuelo, Nerea Martínez, Albert Ramírez e Teresa Pecker, quen integran o estudo indie Namaless.
A segunda opción dispoñible para probar e testar será Platyfrog, un xogo de aventuras e plataformas 3D onde un ornitorrinco chamado Firu e unha rá de nome Ben, integrantes de dúas civilizacións rivais, rematan na Bóveda da Apocalipse. Están a realizar este proxecto, baixo o nome de Piña Colada, os estudantes da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol Laura Bey, Andrea Fernández, Sofía Pelegrín, Paula Portal, Viviana Rodríguez, Anllelo A. Reina, Eduard A. Sánchez e Álvaro Hayek.