Ferrol, 25 de xuño de 2024.- A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) acollerá, a partires do mes de setembro, o Máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sostible, unha titulación cun marcado enfoque interdisciplinario, cunha clara orientación práctica e cun elevado carácter innovador. A maiores, este máster único no Sistema Universitario de Galicia (SUG) incorpora, de xeito específico, a investigación e o emprendemento como parte do seu plan de estudos así como a sustentabilidade e a economía circular, aliñándose coas estratexias en materia medioambiental e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas.
A profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Elena Arce, coordinará unha titulación nada baixo o paraugas do Campus Industrial da Universidade da Coruña e deseñada en colaboración coa industria do téxtil tanto a nivel autonómico coma nacional contando co apoio da Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (COINTEGA), da Iniciativa Social Emprendedora de Reciclaxe Téxtil de Galicia (INS3RTEGA), de Pull&Bear, de Selmark, de Galicia Téxtil ou do Grupo Textil Santanderina, entre outros.
No curso 2024/25, o Máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sostible, ofertará un total de 20 prazas, todas elas en modalidade presencial. Con todo, está previsto que no curso 2025/26 a Universidade da Coruña sume outras 10 prazas na modalidade de formación en liña. Entre o público potencial deste novo máster está o alumnado das titulacións de enxeñaría que se imparten na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), así como o estudantado do grao en Xestión Industrial da Moda, titulación que acolle a Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol.
Máis formación no eido da enxeñaría, as ciencias, as ciencias sociais e as humanidades
A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) oferta dous títulos que habilitan ao alumnado para o exercicio da profesión regulada como son o Máster Universitario en Enxeñaría Industrial e o Máster Universitario en Enxeñaría Naval e Oceánica. A maiores, a súa oferta académica inclúe un Máster universitario en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade e outro en Informática Industrial e Robótica. A isto, hai que sumarlle a opción de poder cursar o Máster universitario en Materiais Complexos: Análise Térmica e Reoloxía e o de Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos. A maiores, a escola oferta o Máster en Fabricación Aditiva e o Máster Erasmus Mundus en Sostibilidade e Industria 4.0 aplicada ao Sector Mariño – SEAS 4.0, unha titulación internacional que afonda no estudo e aplicación das tecnoloxías 4.0, de eficiencia enerxética e de mellora medioambiental no eido do sector naval así como na construción e operación do buque.
Pola súa banda, a Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) oferta o máster en Enxeñaría de Deseño Industrial e a Facultade de Ciencias do Traballo o máster universitario en Prevención de Riscos Laborais e Riscos Comúns e o de Xestión e Dirección Laboral. Do mesmo xeito, a Facultade de Humanidades e Documentación inclúe no seu catálogo formativo o máster universitario en Estudos Avanzados en Museos, Arquivos e Bibliotecas e o de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade.
Preinscrición e matrícula
O prazo de inscrición nos másters universitarios para o curso 2024/25 comeza mañá, mércores 26 de xuño, e remata o vindeiro mércores 10 de xullo. A primeira listaxe de alumnado admitido publicarase o 23 de xullo. As persoas que figuren nesa relación terán que formalizar súa matrícula entre o 30 de xullo e o 21 e agosto. A Universidade da Coruña abrirá un segundo prazo de preinscrición para aqueles másters universitarios nos que aínda queden prazas vacantes entre o 26 de agosto e o 4 de setembro.
Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF)
Nome | Tipo | Modalidade | Créditos | Prazas |
Máster Universitario en Enxeñaría Industrial | Habilitante | Presencial | 120 | 40 |
Máster Universitario en Enxeñaría Naval e Oceánica | Habiltante | Presencial | 120 | 20 |
Máster Universitario en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade | Internacional | Presencial En Liña | 60 | 25 |
Máster Universitario en Informática Industrial e Robótica | Interuniversitario | Presencial | 60 | 25 |
Máster Universitario en Materiais Complexos: Análise Térmica e Reoloxía | Internacional | Presencial | 60 | 10 |
Máster Universitario en Fabricación Aditiva | Interuniversitario | Presencial | 60 | 10 |
Máster Universitario en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sostible NOVO 2024/25 | Presencial | 90 | 20 | |
Máster Universitario en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos | Presencial | 120 | 25 | |
Erasmus Mundus en Sostibilidade e Industria 4.0 aplicada ao Sector Mariño – SEAS 4.0 | Erasmus Mundus | Presencial | 90 | 22 |
Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI)
Nome | Tipo | Modalidade | Créditos | Prazas |
Máster Universitario en Deseño Industrial | Presencial | 60 | 20 |
Facultade de Ciencias do Traballo (FCT)
Nome | Tipo | Modalidade | Créditos | Prazas |
Máster Universitario en Prevención de Riscos Laborais e Riscos Comúns | Presencial | 60 | 40 | |
Máster Universitario en Xestión e Dirección Laboral | Interuniversitario | Presencial | 60 | 30 |
Facultade de Humanidades e Documentación (FHD)
Nome | Tipo | Modalidade | Créditos | Prazas |
Máster Universitario en Estudos Avanzados en Museos, Arquivos e Bibliotecas | Presencial | 60 | 20 | |
Máster Universitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade | Interuniversitario | Presencial | 60 | 10 |