O Campus Industrial de Ferrol analiza as claves xurídicas e xeopolíticas das ameazas á orde internacional

Ferrol, 17 de abril de 2026.- A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, o alcalde do Concello de Ferrol, José Manuel Rey, e o director do Campus Industrial, Marcos Míguez, inauguraron, este venres 17 de abril, na Aula Magna da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, a xornada “Ameazas á orde internacional. Claves xurídicas e xeopolíticas”, organizada polo Grupo de Investigación Constitucional, Internacional e Europea (InCIE) da Universidade da Coruña (UDC), baixo a dirección dos investigadores Jorge Quindimil e Marta Sobrido.

Ao comezo da súa intervención, a vicerreitora  do campus, Ana Ares, salientou a participación no evento de conferenciantes procedentes de distintos puntos de España, Suecia e de Brasil, así como do alumnado do grao en Relacións Internacionais que está a cursar os seus estudos no Campus de Ourense, pertencente á Universidade de Vigo (UVigo). “A vosa presenza hoxe aquí reforza un dos valores que máis apreciamos na Universidade da Coruña (UDC), o do carácter internacional do coñecemento, o da colaboración e o do intercambio académico”, explicou.

Pola súa banda, o director do Campus Industrial de Ferrol, Marcos Míguez, recalcou “a necesidade actual de promover espazos de reflexión rigorosa e de diálogo académico” e lembrou o papel da universidade como unha institución dedicada ao coñecemento e ao pensamento crítico que fomente este tipo de encontros no que persoas expertas de distintas institucións e procedencias “poidan analizar, desde unha perspectiva científica, interdisciplinar e sosegada, os grandes desafíos do noso tempo”.

Nesta mesma liña se pronunciou o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, quen asegurou que xornadas coma esta “nos permiten ir máis aló das aulas, conectando o coñecemento coa realidade e coa actualidade”. Acto seguido, convidou a todas as persoas participantes a desfrutar “deste espazo de reflexión, no que, de seguro, se compartirán ideas valiosas”.

Participan máis de 20 internacionalistas e persoas expertas de España, Europa e de América do Sur

O programa da xornada “Ameazas á orde internacional. Claves xurídicas e xeopolíticas” inclúe en total de catro sesións de traballo. Ás 10:30 horas deu comezo a primeira das mesas, titulada “Lawfare internacional: a utilización do dereito internacional como arma estratéxica”. Nela, interviñeron Celia Martínez (Universidad Europea Miguel de Cervantes), Antonio Lazari (Universidad Pablo Olavide), Borja Montes (Universidad CEU Fernando III), Carlos Gil (Universidad de Murcia) e Ulf Birger Linderfalk (Lunds Universitet de Suecia). Exerceu de moderadora Montserrat Abad (Universidad Carlos III de Madrid).

Ás 12:00 horas está programada a segunda sesión de traballo, “Conflitos territoriais e competencia polos recursos”, na que participarán Juan Bautista (Universidad de Salamanca), Juan Soroeta (Universidad del País Vasco), Elena Conde (Universidad Complutense de Madrid), Jorge Quindimi (Universidade da Coruña) e Felipe Romero (Universidad Carlos III de Madrid). Moderará a mesa Carlos Jiménez, conselleiro e avogado ante a Corte Internacional de Xustiza e o Tribunal Internacional de Dereito do Mar, así como exxefe da Asesoría Xurídica Internacional do Ministerio de Asuntos Exteriores.

A terceira sesión, titulada “A regulación internacional dos espazos comúns”, dará comezo ás 15:00 horas e, nela, intervirán Alberto Jiménez (Universidad de Alcalá / Plataforma Negocio Responsable), Esther Salamanca (Universidad de Valladolid / delegación española ante a Autoridade Internacional  de Fondos Mariños), Marta Sobrido (Universidade da Coruña / delegación española ante a Reunión Consultiva do Tratado Antártico) e Carmen Muñoz (Universidad de Jaén / delegación española ante a Comisión sobre a utilización do Espazo Ultraterrestre con Fins Pacíficos da ONU). Exercerá de moderadora Elena Crespo (Universidad Miguel Hernández).

Ás 16:30 horas dará comezo a cuarta e última sesión sesión “(Des)gobernanza dos océanos” na que participarán Joaquín Alcalde (Universidad de Sevilla), Carlos Teijo (Universidade de Santiago de Compostela), Alberto Arrufat (Universitat Jaume I) e Antonio Notario, Capitán de Navío e xefe de Planeamento Político-Estratéxico do Departamento de Seguridade, dependente do Gabinete da Presidencia do Goberno. Moderará a mesa Mariano Aznar (Universidad Jaume I). Por último, ás 17:30 horas, terá lugar a conferencia de clausura, impartida polo presidente da Academia Brasileña de Dereito Internacional, Wagner Menezes.

A xornada “Ameazas á orde internacional. Claves xurídicas e xeopolíticas” organízase no marco de catro proxectos de investigación: Pax Natura (Universidade Carlos III de Madrid), INVESP (Universidad Miguel Hernández), LAWFINT (Universidad Pablo Olavide) e “Navegación, transporte e novas tecnoloxías” (Universidad de Jaume I). Os tres primeiros están promovidos polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e, o cuarto, pola Generalitat Valenciana.

conferenciantes, alumnado e persoal investigador organizador diante da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, centro no que está a ter lugar, este venres 17 de abril, a xornada “Ameazas á orde internacional. Claves xurídicas e xeopolíticas”.
conferenciantes, alumnado e persoal investigador organizador diante da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, centro no que está a ter lugar, este venres 17 de abril, a xornada “Ameazas á orde internacional. Claves xurídicas e xeopolíticas”.