O Campus Industrial de Ferrol acolle este mércores e xoves unha xornada sobre o futuro dos mercados laborais no Eixo Atlántico

Ferrol, 26 de novembro de 2024.- A Aula Magna da Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol acolle, os días 27 e 28 de novembro, a Xornada “Explorando o Futuro dos Mercados Laborais no Eixo Atlántico: Ciencia, Sustentabilidade, Tecnoloxía e Estudos Mariños” que promove o Instituto Universitario de Estudos Marítimos (IUEM) da Universidade da Coruña en colaboración co Centro de Investigación Economics and Business Administration for Society (ECOBAS) e o Economic Development and Social Sustainability (EDaSS) baixo a dirección dos profesores e investigadores Asunción López Arranz e Xosé Picatoste.

A inauguración da xornada, prevista para mañá, mércores 27 de novembro, ás 17:00 horas, estará presidida pola vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares. Acompañarana na mesa o secretario académico da Facultade de Ciencias do Traballo, Moisés Alberto García; a directora do Instituto Universitario de Estudos Marítimos (IUEM) da Universidade da Coruña, Isabel Novo; e os directores da Xornada “Explorando o Futuro dos Mercados Laborais no Eixo Atlántico: Ciencia, Sustentabilidade, Tecnoloxía e Estudos Mariños”, Asunción López Arranz e Xosé Picatoste.

Tal e como indicou a organización do evento, o programa do xornada inclúe, para o primeiro día, a conferencia do Catedrático de Economía Aplicada da Universidad Autónoma de Madrid (UAM), Santos Miguel Ruesga Benito, titulada “O estatuto dos traballadores no século XXI: desigualdade e diversidade”, e a presentación do libro “Trabajo, relaciones laborales y políticas de empleo: Ensayos en homenaje a Santos M.Ruesga”. Pola súa banda, o xoves 28 de novembro, a partires das 10:00 horas, terá lugar un obradoiro sobre as estratexias para a formalización da economía informal no sector marítimo da Ría de Ferrol.

A Xornada “Explorando o Futuro dos Mercados Laborais no Eixo Atlántico: Ciencia, Sustentabilidade, Tecnoloxía e Estudos Mariños” está dirixida ao alumnado da Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol e aberta a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado. A entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo.