O Campus Industrial de Ferrol e o IGADI analizan as relacións entre Galicia e China no diálogo Oriente-Occidente o mércores 29 de outubro

Ferrol, 15 de outubro de 2025.– O Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación acolle, o mércores 29 de outubro, a partires das 16:30 horas, as III Xornadas “Ferrol no Mundo do Século XXI: Galicia e China no diálogo Oriente-Occidente” que organizan o Campus Industrial de Ferrol e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) en colaboración co organismo de diplomacia pública Casa Asia e o Observatorio da Política China (OPCh).

Logo da sesión inaugural, presentada polo xornalista Tino Santiago, ás 17:00 horas, terá lugar a primeira mesa titulada “As relacións UE-China: oportunidades e desafíos desde España e Portugal” na que intervirán o investigador principal do Real Instituto Elcano (España), Miguel Otero, e a presidenta do Centro Científico e Cultural de Macau (Portugal), Carmen Mendes. Exercerá de moderador o director do IGADI, Daniel González Palau.

A segunda sesión, titulada “China e Galicia: oportunidades e desafíos das relacións económicas”, dará comezo ás 18:15 horas e nela falarán a directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Covadonga Toca, o CEO de Kaleido Ideas & Logistics, Xoán Martínez, e o CEO de Gabadi, Antonio Llago. Moderará o profesor da Área de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela (USC), Diego Sande. Por último, a partires das 19:45 horas, o director do IGADI, Daniel González Palau, e o profesor de Dereito Internacional da Universidade da Coruña (UDC), Christoph Rudolf Schreinmoser, presentarán as conclusións do evento.

As III Xornadas “Ferrol no Mundo do Século XXI: Galicia e China no diálogo Oriente-Occidente” están dirixidas ao alumnado do grao en Relacións Internacionais, titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, e abertas a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado. A asistencia é libre e gratuíta ata completar o aforo. Máis información, enviando un correo electrónico a info@igadi.gal ou ben chamando ao 600 309 066.

Colaboración coa Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña (UDC) e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) asinaron en decembro de 2022 un Convenio de Colaboración que atinxe ámbitos variados no eido da internacionalización de interese común para as dúas entidades enfocando a súa atención no traballo do Observatorio da Política China (OPCh).

Desde o curso 2023/24, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) dispón dun espazo de seu no Edificio de Apoio ao Estudo. Deste xeito, a asociación de estudos internacionais pon ao dispor de todo o alumnado e profesorado do Campus Industrial de Ferrol e, en especial, do estudantado do grao en Relacións Internacionais que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación, un amplo fondo bibliográfico de publicacións especializadas.

Inscrición nas III Xornadas “Ferrol no Mundo do Século XXI: Galicia e China no diálogo Oriente-Occidente

Farano no marco das III Xornadas “Ferrol no Mundo do Século XXI: Galicia e China no diálogo Oriente Occidente” no que colabora o organismo de diplomacia pública Casa Asia e o Observatorio da Política Chica (OPCh).
Farano no marco das III Xornadas “Ferrol no Mundo do Século XXI: Galicia e China no diálogo Oriente Occidente” no que colabora o organismo de diplomacia pública Casa Asia e o Observatorio da Política Chica (OPCh).