Ferrol, 2 de setembro de 2025.- Impulsar a colaboración científica e fomentar o intercambio e a actualización de coñecementos entre o persoal investigador estranxeiro visitante e o persoal investigador adscrito ao Campus Industrial de Ferrol, pertencente á Universidade da Coruña (UDC). Este é o obxectivo da convocatoria de Axudas para Financiar Visitas e Estadías de Persoal Investigador Estranxeiro que impulsa o campus de especialización ferrolán desde o ano 2022. Nos seis primeiros meses deste 2025 financiáronse un total de tres visitas, por un período mínimo de tres días consecutivos e un máximo de cinco, e unha estadía de investigación, de un a tres meses de duración.
A primeira destas visitas realizouna, o pasado mes de marzo, a investigadora da Área de Xestión Económica Internacional da Toronto Metropolitan University (TMU) de Canadá, Sui Sui, da man do profesor da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuel Escourido. Coa finalidade de promover reunións de traballo que permitisen continuar proxectos conxuntos ou de iniciar novas colaboracións tamén se achegou, no mes de xullo, ata o Campus Industrial de Ferrol, a responsable do Laboratorio de Rodas e Raís a Escala Real da Tampere University (TAU) de Finlandia, Xinxin Yu, convidado polo investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, Francisco González.
Nesta mesma liña, a investigadora do Grupo Integrado de Enxeñaría, Lucía Santiago, solicitou a terceira e última das visitas aprobadas ata o de agora, convidando á cidade departamental, tamén no mes de xullo, ao experto en estabilidade e dinámica de buques da University Of Belgrade de Serbia, Stefan Rudakovic. A isto hai que sumarlle a estadía de investigación de dous meses de duración que está a realizar, tamén no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), a xefa do Departamento de Física e Electrónica da Khazar University de Azerbaixán, Farida Tatardar, da man da investigadora do Grupo de Polímeros, Ana Ares.
Con todo, está previsto que ao longo dos meses de setembro e de outubro visite o campus ferrolán a experta en descomposición térmica e calorimetría diferencial de barrido da Nanjing University of Science Tecnology de China, Yanchun Li, convidada polo investigador do Grupo de Propiedades Térmicas e Reoloxía (PROTERM), Ramón Artiaga, e que realice unha estadía, dun mes de duración, a xefa do Departamento de Económicas e Comercio da Lesya Ukrainka Volyn National University de Ucraína, Olena Pavlova, da man do profesor da Facultade de Humanidades e Documentación, Félix Puime.
A convocatoria de Axudas para Financiar Visitas e Estadías de Persoal Investigador Estranxeiro cobre, de xeito parcial ou total, os gastos da viaxe, do aloxamento e da manutención da persoa investigadora estranxeira visitante. Aínda que para resultar beneficiaria, a súa actividade investigadora debe estar relacionada cos ámbitos estratéxicos do campus de especialización: o da robótica industrial, o dos materiais, o da optimización de procesos industriais, o da enxeñaría naval e offshore, o da xestión industrial ou o do desenvolvemento de produto. Entre os anos 2022 e 2024, o Campus Industrial de Ferrol ten financiado un total de 14 visitas e cinco estadías de investigación.
