O Campus Industrial de Ferrol impulsa a primeira edición da Xornada The Future of fashion talent

Galicia acollerá o primeiro foro anual sobre talento e moda. O próximo 3 de maio terá lugar no Salón de Actos do Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña a primeira edición de The future of fashion talent, unha xornada que pretende converterse nunha referencia para as persoas profesionais do sector da moda en torno á xestión do talento neste negocio.

A xornada, impulsada polo Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña, ten como obxectivo reunir a persoas directivas e expertas de primeiro nivel no negocio da moda para debater sobre un aspecto que resulta estratéxico para o sector. O encontro contará neste sentido coa participación de persoas directivas de compañías de moda como Mango, Tendam ou Parfois, consultoras como EY e headhunters de firmas como Michael Page, Sedna, Talentiam e Luxe Talent.

A misión da xornada, organizada por Modaes e o Campus Industrial de Ferrol e que conta coa colaboración de Cointega é converterse nun foro anual sobre os desafíos da moda en torno á atracción, retención e xestión óptima do talento, eixos para que a industria española da moda manteña o liderazgo nun contexto de alta competencia e elevada incertidume.

A vocación do encontro é ser unha cita de referencia nun ámbito estratéxico para o sector, un espazo no que avaliar os retos, as oportunidades e os cambios en torno os recursos humanos en moda.

A Vicerreitora do Campus de Ferrol, María Jesús Movilla inaugurará a xornada xunto coa directora do Campus Industrial, Ana Ares, que arrancará cunha palestra de Javier Vello, socio de EY e un dos maiores expertos no negocio da moda en España, que realizará unha análise sobre a evolución do talento en moda. Trala súa intervención darase un paso a unha mesa redonda coa participación de catro das consultoras máis influentes no sector: Cristina Ródenas (Page Executive), Martín Poppe (Sedna), Montse Sánchez (Talentiam) e Julio Collado (Luxe Talent), xunto ao coordinador do grao en Xestión Industrial da Moda, que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación, do Campus Industrial de Ferrol, Manuel Escourido.

A experta en recursos humanos, Emma Giner, exdirectiva de compañías como Inditex ou Mango, dará pola súa parte unha palestra sobre a disrupción nas organizacións. Para rematar a xornada contarase cunha mesa redonda protagonizada polas empresas e que se desenvolverá baixo o título de Atraer e reter talento: os deberes da moda. Na mesma participarán Cristina Robledillo (Mango), Ramón Amorós (Tendam), María Álvarez-Santullano (Parfois), Alberto Rocha (Cointega) e Vanessa Mato (UDC).

A decana da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuela del Pilar Santos e o director xeral do IGAPE, Fernando Guldrís pecharán o evento.

O encontro está dirixido a público profesional, pero tamén está aberto á asistencia de toda a comunidade universitaria e público en xeral, ademais de realizarse de forma presencial retransmitirase en streaming en directo a través de Modaes, diario de referencia en información económica do negocio da moda en España.

O sector da moda é un dos máis dinámicos da economía española, cun peso sobre o conxunto do mercado laboral do 3,9%, segundo recolle a última edición do Informe Económico da Moda en España. Na industria, a moda copa cerca do 7,4% dos postos de traballo, mentres que na distribución é aínda máis importante, chegando ao 17,3% do emprego en España.

Máis información sobre a xornada en: https://www.thefutureoffashiontalent.com/